Reflexionar, descubrir, soltarse na casa e dar o salto nas redes sociais. Esas son as catro fases propostas no Plan de desconfinamento progresivo da lingua galega deseñado polo instituto Blanco Amor de Culleredo, polo que xa se interesaron varios centros de ensino de Galicia. "Aínda que só sexa pola parte de facelos reflexionar e que fagan algúns dos retos propostos para ver que o galego se pode usar en distintos ámbitos nos que normalmente non o usan, o obxectivo xa estaría conseguido", explica o profesor que ideou e desenvolveu o plan, Xosé Manuel Vidal.

A iniciativa combina unha parte "seria, de desenvolvemento de actividades e traballo", con outra "de broma, xogando coa xestión do Goberno, a distribución por fases, etc.", sinala Vidal sobre a proposta, que suxire retos, xogos e actividades para cada paso. A fase 0, "de preparación ou desescadala", consiste na "reflexión e incentivación" sobre "por que a lingua galega está confinada, por que non se usa en moitos espazos e situacións, e se se podería usar", e dura ata o 17 de maio (Día das Letras Galegas). Tenta motivar aos rapaces con lemas como: "En galego, o que ti queiras!". A fase 1 ou "de descubrimento" consiste en coñecer iniciativas en galego como música de grupos de distintos estilos. "Os rapaces asocian a música en galego só ao tradicional e o rock, pero tamén hai grupos de trap, hip hop ou indie a descobren que lles gustan", conta o docente. Este periodo vai ata o 24 de maio.

A fase 2 ou "de práctica interior", que chegaría ata o 7 de xuño, propón preparar receitas en familia falando en galego. A fase 3 ou "de socialización", que finalizaría o 21 de xuño, consiste no "inicio do desconfinamento social" da lingua co seu uso en redes sociais. Tras estes pasos, a partir do 22 de xuño debería acadarse una "nova normalidade lingüística", segundo o plan do Blanco Amor. "Estamos contentos porque participan a maioría dos rapaces e porque tivo moi boa acollida entre o alumnado e o profesorado, e mesmo noutros centros, que nos pediron poder adaptalo e aplicalo", conta Vidal. "Os alumnos van facendo os retos e os xogos e reflexionan sobre a lingua, pensan en usala un pouco máis, que é a finalidade de todo iso", afirma.

Iniciativas na comarca

Nas vésperas do Día das Letras, xorden na comarca coruñesa distintas iniciativas para desconfinar a lingua galega. O Concello de Betanzos, que adiou a outubro a programación prevista para maio por mor co coronavirus, lembrará ao homenaxeado deste ano, Carvalho Calero, nas redes sociais; subirá relatos en A hora dos contos miúdos do día 14 ao 17 e fará un concurso de #letrasgalegasparaalembranza en Instagram. O BNG betanceiro propón roturar rúas e nos chanzos das escaleiras con versos para homenaxear aos escritores galegos, an te a imposibilidade de celebrar a data como era habitual.

En Cambre, o Concello organiza un sorteo de catro libros no Facebook entre os que comenten que obra en galego lles gustaría ler, iniciativa dividida en catro categorías por idades. O BNG da Laracha leva unha moción a pleno para instar á Xunta a apoiar a lingua e ao sector literario e cultural galego.