Os produtores agroalimentarios e transformadores e os establecementos como restaurantes e bares, se antes precisaban formación en manipulación de alimentos, agora é necesario reciclar eses coñecementos para adaptados á nova situación de pandemia global polo Covid-19, pola súa propia seguridade e pola dos clientes. A Reserva da Biosfera As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo imparte un cursiño on line específico para formar a estos autónomos e pequenos empresarios da comarca para que poidan desenrolar a súa actividade con total seguridade. Son dez horas de clase, das que cinco son titorías personalizadas.

Nuria Calo arqueóloga que en 2010 apostou pola elaboración artesanal de marmeladas e conservas nunha finca en Dorneda (Oleiros) que se chama como a súa marca, As Camposeiras, é unha destas produtoras sostibles que está facendo a formación da Reserva da Biosfera. A ela non lle suporá máis gasto adaptarse ás novas medidas hixiénicas. "Non teño que facer grandes cambios, polo que estou vendo no cursiño. Luvas xa usaba sempre para recoller froitas e verduras e despois cociñalas, e tamén gorro para o pelo. A maiores agora poño a máscara. Usar roupa limpa, non comer onde traballes. E se antes xa desinfectaba todo, agora máis. O maior problema que pode haber é no transporte dos produtos, porque na elaboración, xa vai cociñado e esterilizado. Limpamos as caixas, desinfectamos a furgoneta do reparto todos os días..."

Calo pensa que esta formación que imparte a Rerserva "é de agradecer e é necesaria para todos", tamén como usar ben as máscaras ou quitalas, por exemplo, ter en conta o tempo de "pervivencia" do virus nas superficies. Durante o confinamento fixo reparto polas casas con envíos gratis na comarca.

"A demanda caeu ao non haber feiras e non traballar a hostalería, claro, pero ao concertar con tendas para recoller os pedidos, a partir da segunda semana de confinamento, levantou algo e polo menos imos sobrevivindo. A xente agora pide máis cantidade xunta". Camposeiras cultiva froitas e hortalizas na súa finca e outras mércaas a outros compañeiros produtores da Reserva, nunha sinerxia colaborativa na que todos gañan, e tamén o cliente porque come produto de preto e de calidade.

"Cidades como A Coruña non precisan buscar nada fora porque dentro prodúcese de todo e con calidade bestial", asegura Nuria.