OLEIROS / CERCEDA
Desexos cos pés na terra
Alumnos de Oleiros e Cerceda participan nun vídeo da Axencia Espacial Escolar Galega que recolle as súas sensacións polo confinamento, en substitución dun voo que se anulou en maio

Imaxe do vídeo elaborado polos alumnos. / la opinión
S. Vázquez | oleiros / cerceda
"Queixarme por madrugar", "durmir na casa das amigas e elas na miña", "pedir axuda coas mates porque vexo que non aprobo nin un exame" ou "facer exames escritos, que os prefiro aos da aula virtual" ou "ir ao instituto, ao recreo". Estas algunhas das situacións antes habituais que agora aseguran botar de menos os alumnos participantes na Axencia Espacial Escolar Galega, A NOSA, que substituíu o lanzamento da sonda Marumasat, previsto para maio, por unha cápsula audiovisual na Misión Oxalá, elaborada por alumnos do instituto Miraflores de Oleiros, o colexio O Cruce de Cerceda, o instituto Maruxa Mallo de Ordes, o instituto Arcebispo Xelmírez II de Santiago de Compostela e o instituto Marco do Camballón de Vila de Cruces.
Os rapaces elaboraron un vídeo no que plasman as súas sensacións despois de semanas de confinamento e os desexos de recuperar pronto a normalidade, a través de textos compostos por eles que le unha voz en off. A peza audiovisual está dispoñible na canle de YouTube da axencia.

Desexos cos pés na terra
"Dende a NOSA, con esta Misión Oxalá agardamos o mellor para o conxunto da sociedade. E que oxalá a nova normalidade nos permita recuperar aquilo que tanto desexamos", transmite a axencia nun comunicado no que informa das actividades realizadas. Asegura que continúa traballando "para dar o mellor de si, para pór en marcha novas actividades e facer real o noso desexo, oxalá así sexa, de lanzar a MarumaSat V.
O lanzamento que quedou truncado estaba programado dentro da Misión 360, que estaba prevista para o mes pasado. No seu lugar, a axencia impulsou o vídeo no que os estudantes se expresan sobre o confinamento e a pandemia, ademais, asegura que consolidou a función educativa e pedagóxica da NOSA, "ofrecendo recursos en rede para gozar das actividades xa levadas a cabo e tamén recursos educativos en aberto para que alumnado de 1º da ESO a 2º de Bacharelato puidese acceder a exercicios e material de Matemáticas, Tecnoloxía, Física e Lingua", materias "con moita presenza" nos proxectos da NOSA.
No lanzamento que se tivo que anular o mes pasado, a NOSA pretendía acadar os 37.000 metros de altura no que ía ser o quinto. Esta iniciativa comezou en maio de 2016 cun lanzamento dunha cápsula a 25.000 metros. Prevían iniciar o voo en Santiago, en lugar de facelo en Ordes, como nas catro edicións anteriores. A axencia realiza no terceiro trimestre de cada curso un voo suborbital como unha sorte de guinda á súa actividade, que ten como obxectivo principal "levar ás aulas un modelo de traballo colaborativo a través do deseño e construción dunha cápsula estratosférica", explica a entidade. Promove que os rapaces vexan que o aprendido serve para retos como voar a 35.000 metros, nunha "metáfora" do salto que darán á vida adulta.
- Rescatado el cuerpo de una mujer en el puerto de Sada
- En esta casa-restaurante a 20 minutos de A Coruña cocinan 'a la leña': tortillas espectaculares y precios populares
- Un herido grave en una colisión múltiple entre tres vehículos en Altamira
- Fernando España, ‘Chano’, deja el PP de Sada y seguirá como concejal no adscrito
- Sada tramita el cambio de planeamiento que busca evitar el derribo de un edificio
- Herido al volcar su furgoneta en el peaje de Bergondo
- Cambre ultima el contrato del área canina y reordenación en O Temple
- Un fuego arrasa una casa ocupada en Betanzos