Tras once anos como concelleiro e nove como voceiro do BNG de Betanzos, nos que foi tres veces candidato, Henrique del Río deixa a súa acta para acceder á praza de funcionario que gañou en Girona. Asegura que continuará colaborando coa súa formación. "Hai mil maneiras de facer política, e sigo crendo que este país merece outra cousa e que Betanzos ten posibilidades incribles para ser un referente como Allariz ou Pontevedra, e ese é o proxecto do BNG", afirma. Amelia Sánchez, segunda da lista, tomará o seu relevo.

Que balance fai dos 11 anos?

Agardo ter sido útil para melllorar a vida da veciñanza, o obxectivo último era facer de Betanzos un mellor lugar para vivir.

Conseguiuse?

Conseguimos suprimir a ORA, fondos para rehabilitar o Mosteiro das Donas, que se amañara dalgún xeito a situación tremebunda de axuda no fogar. Conseguímolo facendo denuncia política dende a oposición cun concelleiro ou dous.

Que quedou pendente?

Malia que conseguimos que a nivel de retórica todas as forzas políticas falen do patrimonio, queda mirar máis por el, entender que é a locomotora que nos vai facer crecer como cidade e sociedade. E aí onde está o noso polígono industrial; a grande oportunidade para o crecemento económico. Vai permitir ter mellores servizos e máis servizos públicos.

Incidiron moito no coidado do casco histórico e do Pasatempo.

Si, o patrimonio histórico e tamén o natural. Entender os ríos como algo máis que para ir aos Caneiros unha vez ao ano. Velos como unha oportunidade. O medio en xeral.

A mobilidade foi outro dos cabalos de batalla.

Si, claro. Nunha zona histórica, o primeiro é o debate da mobilidade, que leva postergado desde que entrei de concelleiro. E esa é a cuestión, que se quere facer. Habería que priorizar a mobilidade peonil, a mobilidade branda, iso crea sinerxías..

Algunha outra espiña?

Ao final, a cuestión é o modelo político. Eles non están dispostos a revisar determinadas cuestións que levan executando 40 anos, como a mobilidade no casco histórico. Teñen o seu modelo, e avalado pola veciñanza.No fondo son modelos de cidade que son non opostos pero difiren no esencial.

De que está máis orgulloso?

De ter feito que as outras forzas teñan que asumir o patrimonio como tema central no debate político, que non o era. A primeira concellería do casco histórico creouna o BNG hai 15 anos. E despois cousas concretas. Estou moi orgulloso de ter conseguido forzar á Corporación a revisar e ter posto punto e final ao modelo da ORA. O do paseo do Mandeo, aquel paseo que ía con escolleras? conseguimos paralizalo e chegouse ao compromiso de buscar un modelo non lesivo para o río e a biodiversidade.

Non vai botar de menos a actividade municipal?

Probablemente si, claro. Son moitos anos. Pero como vou seguir colaborando... E si non, haberá que sacarse de fumar e punto. Eu, que non fumo, que o meu tabaco era este.

Que consello da a Sánchez?

Ai, eu non son de dar consellos. Ela cando teña algunha dúbida xa sabe que estou para axudarlle.

E pídelle algo?

Non, non, non. Quen son eu para pedirlle nada nin para darlle consellos a ninguén? Si acaso, que non é persoal, que é política, que non leve ao persoal os ataques ou insultos que poda recibir nun pleno.

Vostede levou moitos?

Levo unha ración boa, si.

O que peor lle pareceu?

Dalgún pleno saín bastante enfadado. Procuro esquecelos, ao final é para descentrarte, levar o debate a outro sitio. E eu estou alí para defender o proxecto e representar aos veciños.

Volverá nuns anos?

A vida da moitas voltas, é o que pasa mentres ti fas plans. A política gústame, a local encántame e dez anos dan para radiografar bastante ben Betanzos, iso sempre vai estar aí.

Vese de alcalde de Betanzos?

Agora non ten xeito pensalo. Gustaríame ter sido, para iso me presentei. O que deparará o futuro... hai quen pensa que está escrito e quen pensamos que o forzamos coas nosas accións. A ver onde nos levan as nosas accións. Agora a cuestión é outra.