Na "soidade absoluta", Paco Díaz deseñou o proxecto e concebiu o memorial a Díaz Pardo que acolle o castelo de Santa Cruz. Una peza que reúne pezas orixinais representativas de cada estilo de cerámica de Galicia; un libro con poemas inéditos, un deles, un manuscrito de Luz Pozo Garza, e unha crónica; fografías; pinturas orixinais e un arranxo de Juan Durán de Negra Sombra integran a homenaxe.

Como xorde o memorial?

Partiu da situación que se xera antes do pasamento. Indignado co que estaba a acontecer coa súa vida, fun collendo pulo para facer a idea que xa tiña había tempo, un agasallo a Díaz Pardo que axudase a pagar a débeda que todos temos con el.

Indignouno a falta de recoñecemento e o seu final en Sargadelos?

Si, un pouco todo eso. Que se vexa desposuído de todo o que fixo e traizoado por todos os que tiña arredor. É unha situación lexítima se queres, pero triste, que me produciu indignación. Era unha especie de situación difícil de dixerir e soportar polo que supoñía en sí mesma: o fundador de Sargadelos, o home que estaba a recuperar a memoria histórica? toda esa vivencia que tiña e nos deixa, unha herdanza imparable, é difícil de pensar que alguén poda chegar a semellante calidade. A min todo iso provócame a necesidade de seguir traballando nesta homenaxe. Por un camiño e outro atopaba que Díaz Pardo parecía ser o home máis querido de Galicia e parecíame precioso que se puidera facer un proxecto de país.

Como fixo?

En primero lugar busquei o xeito de describir a Díaz Pardo en catro facetas: ceramística, literaria, artística e musical. A ceramística, fun deseñando o concepto dunha escultura na que estivese pechada toda a cerámica de Galicia. Díaz Pardo é un home que ten a Galicia na cabeza, a súa cabeza é Galicia, pero as súas entrañas son de cerámica. Isto foise convertendo nunha necesidade de facer unha escultura, un conxunto de pezas que se xuntara. Conseguín facer unha peza sinxela que se tiña que convertir nun anel do tempo, que en sí mesma encerrase a tradición, características propias de cada olería, desde a máis antiga á máis moderna. E xurdiu o concepto de ensemble que domina o proxecto. A escultura chámase así: Ensemble Isaac.

Di que a escultura recolle toda a cerámica de Galicia.

Si, unha forma de recoller toda a tradición dende o Neolítico ata hoxe. Vai metida dentro dun prisma transparente, como un símbolo de perennidade da cerámica. Ten as características coñecidas por todo o mundo: é practicamente indestrutible, pero tamén moi fráxil. Este prisma dalle carácter de pervivencia para sempre. De ser indestrutible. Como se estivese dentro dun bloque de xeo protexida. Hai un anel, aínda non o comentei con ninguén... Eu chámolles aneis do tempo a cada unha destas pezas. E hai un anel que tamén está presente coa ausencia de Sargadelos.

Sargadelos non está?

Cando visitei un a un aos ceramistas para propoñer que me deseñasen a peza, tamén quedei coa nova dirección de Sargadelos. Tivemos a entrevista, presenteilles o proxecto como aos demais, e despois de miralo, contestaron que non podían participar por cuestión de imaxe corporativa. Recoñeceron os valores de Díaz Pardo e gustoulles o proxecto, pero declinaron participar. Eu entendo que están presentes coa súa ausencia.

Están todas menos a máis coñecida, a que encumiou Díaz Pardo.

Si. Pero non porque non foran invitados.

Xa, é chamativo.

Sí, así é a vida.

Permite o memorial facer xustiza?

Seguramente non fará xustiza, porque creo que non hai xustiza que se poda facer agora con Isaac Díaz Pardo. Faleceu, pasou á historia. Este pode ser un principio de xustiza que se faga porque, o que sí, todo o mundo que coñeceu o proxecto convén en que isto foi unha homenaxe do pobo galego; consigue englobar a todo un pobo nunha homenaxe. Chegar a Díaz Pardo a través da obra dos demais é algo inédito neste país. Chégase a través do sentimento de cada un de nós.

Que trato tiña vostede con el?

O trato con Isaac era distinto con cada persoa. Camilo Díaz Valiño, o pai, era primo carnal de meu pai, polo tanto, como dicía Isaac, eramos parentes. Tivemos una relación de vernos de vez en cando e facer algunhas cousas xuntos. Eu como deseñador fixen algunas pezas que se realizaron en Sargadelos. Tiven ese trato normal. Era un home moi ocupado, tiña unha conversación? comemos xuntos alguna vez pero chegaba o momento e levantaba e marchaba.

Era difícil?

Non, era como era. Tiña a cabeza en mil asuntos e tiña un momento para cada cousa.

Por que cre que rematou así? Fixo algo mal?

Iso é unha cousa que ten que filtrar a historia. Porque o ser humano moitas veces é vil, porque existen as traicións, as envidias, egoísmos. Hai xente digna e xente indigna. Isaac era un home digno.

Non foi moi hábil nos negocios, ou non tanto coma nas artes?

Era un home? tiña dignidade. Cando facía as cousas confiaba na xente que tiña no seu entorno. E moitas veces pois un equivócase coas persoas que elixe.

Que aportou á cerámica e á arte?

Aportou todo á cerámica. Veu de Arxentina con Seoane e outros e deciden recuperar a cerámica de Sargadelos. Aporta todo. Un concepto diferente e é que todo é Galicia. Cada peza que facía Sargadelos, aparte de ir cada vez a unha porcelana mellor, el estaba recuperando a historia a través da porcelana. Coa nova Sargadelos perdeuse a historia toda que tiña, o valor cultural. Agora fan pezas, pero Isaac Díaz Pardo facía historia. Cada greca que poñía tiña un motivo da historia de Galicia. Todo o que tiña na cabeza era Galicia, a recuperación da memoria.

Que pegada deixa?

Como o defino eu? O home máis querido de Galicia. E que despois de Castelao... É o Castelao que temos hoxe, ou que tiñamos. É unha figura que pasará á historia como un home irrepetible.