O BNG de Oleiros acorda suspender o acto público de celebración do Día da Galiza Mártir, previsto para hoxe á tarde na praza da Liberdade, na parroquia de Nós. Os nacionalistas oleirenses conmemoran a data na que executaron en 1936 ao galeguista Alexandre Bóveda de forma ininterrompida dende hai vinte e tres anos, pero a situación epidemiolóxica, co aumento de contaxios na área sanitaria coruñesa, levounos a cancelar o acto de hoxe ás 20.00 horas por seguridade. De xeito simbólixo, membros do Bloque de Oleiros depositarán á tardiña a habitual ofrenda floral.

A edición deste ano, que sería a número 24, está dedicada a dous veciños de Nós, de A Gándara, fusilados no campo da Rata da Coruña o 23 de outubro de 1940: Xosé Garrido Pasandín e o seu fillo Eduardo Garrido Otero, os dous carpinteiros, afiliados a un sindicato adscrito á CNT. A homenaxe esténdese tamén a outro fillo e irmán, Manuel Garido Otero, que salvou a vida, e aos veciños e veciñas de Nós que os axudaron e agocharon, as irmás Andrea e Encarnación García Veiga, condenadas a dez anos de cárcere e fortes multas económicas.

Na ofrenda floral está previsto que participe a filla de Xosé e irmá de Eduardo e Manuel, Sara Garrido Otero.