Debuxante, pintor, empresario cultural, deseñador industrial, escritor. O intelectual galeguista Isaac Díaz Pardo foi o artista total e "despois de Castelao, unha das personalidades máis importantes de Galicia", como sinalou un dos seus fillos, Camilo, no acto de homenaxe que organizou o Concello de Sada polo centenario do nacemento desta figura, tal día coma onte do ano 1920. Xunto a Camilo, o seu outro fillo, Xosé, expresou o desexo de que sigamos lembrando todos a Díaz Pardo como "ese personaxe sinxelo, sobrio e humilde, que sempre acolleu a todo o mundo e que o dou todo sempre por todo o mundo".

A Concellería de Cultura quixo festexar o centenario do nacemento do artista a pesar da situación sanitaria, para que o coronavirus non suprima tamén a cultura das nosas vidas nin impida celebrar aos grandes persoeiros que a nutren. Houbo un acto central na Casa da Cultura, máis íntimo, cos familiares e achegados ao intelectual (e a proxección dun vídeo sobre el), ademais de inaugurarse unha mostra na rúa, na avenida da Mariña fronte á Terraza, con vinte paneis que repasan a vida e a obra de Díaz Pardo (con reproducións dalgunhas das súas obras) e que poderá verse todo este mes.

Un artista local, JA!, fixo ademais un mural en directo nunha das paredes dos antigos vestiarios do paseo, reproducindo un debuxo do artista, unha rapaza que leva un mulido sobre o que cabe todo, obra que realizou a comezos dos anos setenta.

O alcalde sadense destacou a calidade de "pioneiro" de Isaac Díaz Pardo ademais de "figura irrepetible, inesquecible", que Sada tiña que honrar, tamén por ser fillo predilecto desta vila, na que ademais promoveu Cerámicas do Castro e o Museo Carlos Maside xunto a Luis Seoane (o Consello da Cultura Galega acaba de publicar precisamente, on line, as cartas que escribiu o galeguista ao artista Seoane.