01 de septiembre de 2020
01.09.2020
La Opinión de A Coruña

O ensino no abandono rural

01.09.2020 | 01:53
O ensino no abandono rural

Esta é a historia triste dun colectivo, o alumnado do rural de Culleredo, que de xeito sistemático é discriminado no acceso á Educación Secundaria Obrigatoria.

A rapazada do rural precisa dun esforzo hercúleo para acceder á ESO en comparación ás condicións do alumnado urbano. Calquera alumno de secundaria que desenvolva o seu día a día no rural ha de saír da súa casa sobre as 07.15 para coller o transporte público que o levará cara ao seu IES para desenvolver a súa xornada lectiva e regresar á casa nun mesmo traxecto, chegando a comer sobre ás 15.30.

Os esforzos sempre recaen sobre o mesmo segmento de poboación, o rural, inclumprindo así o explicitado na Lei de educación: "[...] a igualdade de dereitos e oportunidades que axuden a superar calquera discriminación e a accesibilidade universal á educación, e que actúe como elemento compensador das desigualdades persoais, culturais, económicas e sociais [...]".

Vós estaredes pensando... "Pois se non hai outra..." Pero é que o asunto é que si hai outra. Hai unha masa crítica de alumnado en idade de cursar a ESO abondosa para manter un centro de secundaria na zona rural do Concello de Culleredo. Os números dan para manter 2 liñas (as diferentes clases por curso, por exemplo 1ºA e 1º B) de secundaria. É máis, hai concellos de menor poboamento que a zona rural de Culleredo que manteñen sen infrautilizar un IES.

Que podería pasar?

Que os nenos do rural non sufriran uns horarios que dificultaran o seu rendemento académico respecto dos seus compañeiros da zona urbana?

Que as aulas de secundaria da zona urbana baixaran as ratios situadas agora en 30 alumnos/aula?

Que aforráramos debido a que o gasto dun centro novo é menor que a inxente demanda de diñeiro que supón a contratación de transporte para as parroquias do rural?

Ter previsto un centro educativo na zona por onde é máis razonable que medre a poboación do concello -zonas próximas á terceira ronda-?

Levamos unha campaña de dous anos onde tentamos buscar o entendemento coa Xunta de Galicia. Busca baldía, de esperas, de escusas por parte de quen non quere nin sentar a falar. De percibir que non somos máis que unha molestia para os que teñen que valer polo servizo público.

Durante este tempo onde viamos como en cada asemblea celebrada aparecían caras novas falando de adhesións á demanda. Con máis de 1000 sinaturas recollidas e o apoio explícito de todos os grupos do pleno do Corporación Municipal de Culleredo a través dunha declaración institucional.

Un tempo de aprendizaxe onde descubrimos que o alumnado que precisa dun desprazamento importante para acceder á educación, como é o caso do alumnado do rural de Culleredo, ten máis dificultades para levar a bo termo os estudos. [Morandeira Roel, P.: Perfil dos alumnos que abandonan o ensino básico, cursado en réxime ordinario, sen o título de graduado en ESO; Tese de doutoramento en pedagoxía].

Un tempo, tamén, de observar o desánimo da xente perante as institucións. Esas que consideran inaccesíbeis e inútiles. Con movementos curtopracistas encamiñados a unha perpetuación no poder a través de golpes de efecto máis que a mellora das condicións de vida do pobo. Moitas veces escoitamos o consabido "..Total para que?, ... Non has conseguir nada, nadiña; ...non lles interesa..." e outras tantas.

A nosa proposta é dun interese social tan elemental que ningún interese particular debería supoñer impedimento para implementala.

Consideramos que é momento de que todos remen en apoio a esta proposta que equilibre unha situación de agravio comparativo. A Corporación Municipal, pais e nais e a sociedade tanto do rural coma do urbano de Culleredo dan soporte a esta petición. Agardamos a incorporación das directivas dos centros educativos do concello e, por último, a que ten a última palabra: a Xunta.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook
esquelasfunerarias.es