Dende que xurdiran, hai máis de 40 anos, os primeiros movementos que empezaban a cuestionar abertamente a propiedade do pazo de Meirás por parte da familia Franco, é outro debate subxacente, e, en certa medida, inevitable, o que agroma de xeito paralelo. A que uso adicar as estancias de Meirás, no suposto do seu retorno ao patrimonio público?

Un debate que semellaba lonxano ante a improbable premisa da súa devolución e que hoxe, trala demoledora sentenza do Xulgado de Primeira Instancia da Coruña, ten visos de aparecer máis cedo que tarde na conversa pública.

As posibilidades son centas. A tese máis repetida entre os expertos en patrimonio e os actores implicados na pugna pola súa recuperación, administracións e activistas, é a da resignificación do inmoble como un lugar de memoria e reparación, adicado a pechar, dalgún xeito, as feridas da guerra e da ditadura que aínda fican abertas. Para o alcalde de Sada, Benito Portela, non hai dúbida que caiba. Memoria e uso público. "A nosa proposta sempre será a de recuperar a memoria dos represaliados da ditadura, mais tamén a da escritora Emilia Pardo Bazán. Queremos que o mundo vincule Meirás como unha referencia da recuperación da dignidade dos represaliados", considera.

O vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, un dos organismos máis activos na loita pola devolución do inmoble, sustenta a mesma proposta, e amplía o sino do pazo ao dos outros bens espoliados que todavía gardan os seus muros, como as estatuas do Pórtico da Gloria ou a pía de Moraime. "Debe ser un lugar de memoria, primeiro, por facer xustiza con quen loitou pola súa recuperación, segundo, polo seu carácter simbólico, exemplo de espolio da ditadura, e agora, felizmente, do triunfo da sociedade", sinala.

Semella unha proposta a simple vista, coherente, máis a súa aplicación nada ten de sinxela. Basta con mirarse no espello europeo e comprobar que foi das distintas propiedades e monumentos vencellados á biografía de ditadores e dos seus herdeiros. "En todos os casos se plantexan dilemas recorrentes. Hai outros Meirás polo mundo, debates dos que podemos aprender", propón o catedrático de historia contemporánea e presidente da Comisión de Expertos da Xunta, Xosé Manoel Núñez Seixas. Servíndose de exemplos como as casas natais de Salazar ou Mussolini, reconvertidas en museos, advirte dunha serie de riscos a ter en conta. "Nestes lugares, o ditador pode converterse nunha persoa próxima. Ese entorno íntimo conleva o perigo de que se humanice ao ditador", sinala.

Coa casa natal de Hitler, onde se instalará proximamente unha comisaría de policía, ou no lugar da súa morte, demolido e soterrado, os gobernos austríacos e alemáns non tiveron a mesma condescendencia.

O catedrático apunta, ademais, a outro gran dilema que xorde á hora de determinar os usos destas propiedades problemáticas. "Ou se fan resignificacións e centros de interpretación, onde se establecen narrativas críticas sobre o ditador e os seus crimes, ou se condena estes espazos á damnatio memoriae, a condena ao olvido", comenta.

Con Meirás, porén, non ten por que xurdir o conflito. Todo pode depender da narrativa que se lle dea; niso estriba o elemento diferenciador de Meirás fronte a outras residencias ou propiedades de ditadores foráneos: O Pazo dispón dunha historia anterior que non exclúe a subseguinte, mais que non debe ser soterrada. Na convivencia destas dúas realidades susténtase a proposta do catedrático. "Eu penso que o mellor sería facer un centro de interpretación sobre Meirás como lugar de memoria, no que estean representadas todas as súas facetas: a primeira, como centro de sociabilidade literaria, onde escribía Emilia Pardo Bazán; despois, nos anos trinta, como un lugar no que os seus descendentes conspiran contra a República, e finalmente a época dos Franco coa súa posterior recuperación", propón.

O historiador Manuel Pérez Lorenzo, coautor da obra Meirás: un pazo, un caudillo, un espolio, eleva unha proposta similar, que devolva a figura da condesa de Pardo Bazán o seu vencellamento coa estrutura, mais sen deixar de lado a historia recente dos últimos 80 anos: "O pazo non se pode desligar tampouco da figura de Franco. Todo depende de como se faga, non é cuestión de facer unha casa museo. Sería interesante considerar o pazo de Meirás como o grande centro de estudos da represión franquista en Galicia".