As persoas que fomos bombardeadas durante décadas coas crónicas do NO-DO lembramos as adicadas a Franco no Pazo de Meirás reforzando o relato oficial do "regalo" por subscrición popular, pero a memoria popular tamén nos transmitíu que aquilo fora unha extorsión para moita xente.

Pouco a pouco a sociedade logrou conquistar espazos de liberdade e esferas de poder nos Concellos, Deputacións,? e persoas empeñadas en manter viva esa memoria popular lograron acceder a esas institucións, loitando por restituír a verdade histórica e contribuíndo a afianzar outro relato sobre o acontecido no franquismo.

Tamén foron determinantes as persoas que decidiron traballar nos movementos sociais e culturais de protesta e reivindicación. Máis recentemente, a constitución da Comisión pola recuperación da memoria histórica da Coruña marcou un antes e un despois, así como tamén a actuación dos 19 de Meirás que coa súa acción conseguiron incrementar o debate sobre o espolio. As imaxes daquel acto foron e seguen a ser publicadas con profusión en xornais, canles de tv e redes sociais.

É necesario facer un recoñecemento explícito a todas esas persoas e colectivos, tamén á actuación da avogacía do Estado, que se atreveu a presentar unha demanda que obtivo sentenza favorable en primeira instancia e como non, ao cambio de actitude do PSOE porque hai 12 anos tiña unha posición ben diferente, tiven ocasión de comprobalo ao igual que o daquela Vicepresidente da Xunta.

Todo o traballo desas persoas implicadas, dos movementos sociais e das institucións que buscaron restablecer a verdade histórica merecen un recoñecemento agradecido, pero do mesmo xeito tamén é de xustiza recoñecerlle ao nacionalismo político a especial adicación tanto no eido social coma no institucional, por conducir con acerto unha estratexia exitosa. Porque non é casualidade que o alcalde que solicitou a declaración de Ben de Interese Cultural do buque insignia do franquismo para forzar a súa apertura, incrementar o debate sobre a propiedade e darlle a oportunidade á Administración autonómica de tanteo e retracto diante dunha posible venta, fora un nacionalista do BNG. A Conselleira de Cultura que asinou a declaración BIC, unha muller nacionalista do BNG. O vicepresidente da Xunta que estableceu contactos co PSOE para explorar todas as posibilidades de que o Pazo pasara ao patrimonio público tamén un nacionalista do BNG, a Vicepresidenta que constituíu na Deputación da Coruña a Xunta pro-devolución do Pazo, do BNG, os 19 de Meirás todos nacionalistas. E na niña opinión, o máis relevante, a publicación da Fundación Galiza Sempre Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio, da autoría de dous nacionalistas sadenses, que foi determinante na aportación de probas para a obtención desa sentenza favorable que constata o espolio.

Tamén é moi relevante o feito de que a primeira sentenza que cuestiona expresamente o franquismo se teña producido en Galiza

Por último, é de agradecer asimesmo que o Goberno local do Concello de Sada conformado por tres forzas políticas, se persoara na causa avalando as teses da parte demandante, sobre todo despois das preocupantes aspiracións expropiatorias do partido do alcalde que mesmo ameazaron no seu día a aprobación do Plan Xeral de Ordenación Municial (PXOM), pola persistencia equivocada de pretender un repago vergoñento aos herdeiros do ditador.

Todos estes recoñecementos son merecidos e necesarios, ao nacionalismo galego en xeral e o sadense en particular tamén, por manter unha posición firme e decidida incluso cando o relato do espolio era minoritario e escasamente rentable electoralmente.Recoñecer o traballo de todas e todos é un acto xeneroso e solidario. Facelo só dunha parte ou ignorar o que fixeron outros é un exercicio de sectarismo intolerable, inxusto e inmerecido.

Tender a man e aceptar ata as adhesións de última hora é un exercicio intelixente moi necesario para colectivizar o éxito desta sentenza histórica pero sobre todo para consolidala, que ainda queda moito camiño que percorrer. Agora que, por disciplina partidaria, parece que tamén se suma o PPdeG, busquemos a unanimidade, teñamos xenerosidade tamén cos conversos para que morra definitivamente o relato do NO-DO e se consolide a verdade histórica e xudicial do espolio.

* Alcalde de Sada entre o 2003-2004 e 2007-2011