O pleno da Deputación aprobou onte por unanimidade unha modificación dos pregos de contratación coa que o Goberno provincial aspira a "dinamizar a economía" e "promover o emprego", explicou na sesión o deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Luís Penas (BNG). O deputado nacionalista destacou que estes cambios son "vitais" para a recuperación económica despois da pandemia e afirmou que supoñen un "modelo de renovación da contratación por parte das institucións" que, agarda, poderían converterse "en modelo para outras institucións que aposten por responder ás necesidades e urxencias sociais".

Os novos pregos, que foron pactados cos axentes sociais e cos grupos da oposición, recollen medidas para promover a estabilidade do emprego e a contratación de mulleres ou dos sectores máis desfavorecidos, de maneira especial, á mocidade, maiores de 55 anos e persoas que estean a percibir a Renta Mínima Vital. Os pregos establecen tamén indicacións para potenciar medidas de conciliación familiar.

Coas novas normas de contratación, a Deputación agarda axilizar os procesos reducindo a documentación necesaria. "A contratación debe ser un mecanismo para colaborar co mercado de traballo, pero nunca para limitar ou ralentizar ese mesmo mercado", dixo o deputado. Os novos pregos inclúen outra fórmula de cálculo para baixas temerarias co fin, apuntou o Goberno provincial, de " buscar maior xustiza na asignación das licitacións e tendo como referente o orzamento medio dos proxectos presentados". Elimínanse ademais as garantías financieiras que obrigaban ás empresas a ter depósitos de seguridade en entidades financieiras, o que reverterá na mellora das contas do sector. "As garantías só favorecían as entidades financeiras que despois nos cobran por eses mesmos aforros. Queremos que os cartos estean nas empresas e nas persoas que traballan nelas co obxectivo de promover a economía circular", apuntou Penas no pleno.

En canto ás cuestións técnicas dos novos contratos, a partir de agora, estableceranse os elementos que non poden ser subcontratados e o mínimo persoal de obra,

Pasatempo de Betanzos

O pleno aprobou tamén ao convenio co Concello de Betanzos para financiar a primeira fase das obras do Pasatempo, cun investimento de 525.000 euros, dos que a institución provincial achega o 80%.