O historiador arteixán Xabier Maceiras acaba de empezar a vender o seu novo libro, Crónicas de Arteixo II, no que pretende plasmar por escrito e en papel a historia do municipio co obxectivo de recuperar a memoria perdida. Persoas destacadas, lugares, arqueoloxía ou negocios aparecen nos 50 capítulos dos que se compón esta obra, que está xa a venta en librarías de Arteixo e tamén da Coruña. Trátase dunha recopilación de historias que publicou no seu blog, do mesmo nome, durante os últimos seis anos.

Cal é o obxectivo que se marca con este novo libro?

Realmente non me marco ningún obxectivo. O obxectivo é co blog. Crónicas de Arteixo é un fillo do blog, igual que foi Crónicas de Arteixo I. O obxectivo que me marco co blog é encontrar historias e a seguir recuperando a memoria. O blog fixo seis anos en setembro. Procuro facer unha publicación semanal. Desde setembro de 2014 o blog tivo o seu primer fillo. En 2017 con 38 historias que publicaramos no blog. En 2020 volve con 50 historias. Fixeron unha viaxe da rede ao papel.

Curiosamente fai o recorrido inverso do habitual, vai da rede ao papel e non de papel á rede.

Efectivamente. Primeiro é o blog e logo o papel. Eu entendo que o papel para moita xente que mo demanda e así mo fixeron saber.

Crónicas de Arteixo I que acollida tivo?Crónicas de Arteixo

Moi boa. De feito co tirón de Crónicas II houbo xente que me preguntou por Crónicas I.

Cre que se estas historias non as plasmase nun libro se poderían perder co paso do tempo?

Seguramente algunha si. O libro empeza en O Reiro con fotos atopadas. As historias máis recentes son coas que máis disfruto, con xente que viviu o Arteixo dos 50, 60 e os 70. Eu entendo que Arteixo está medrando e a xente estase indo e con ela a memoria. Para algunhas historias chegamos a tempo para recuperalas.

Por iso é tan importante recuperar a memoria.

Eu teño a fortuna de ter amigos e coñecidos. Falo de xente maior, pero non vai vivir eternamente.

Gustaríalle ter vivido estas historias que conta no libro do Arteixo de hai 50 anos?

O mundo actual no que vivimos, de présas, non me gusta. Non me gusta o ritmo de vida que levamos. Entón, si que me gustaría facer unha viaxe no tempo. Se cadra para ver como era a miña vida na infancia, onde había máis socialización. Hoxe está cada un ao seu. Eu teño esa necesidade vital de socializar.

A portada do libro é a avenida do Balneario?

É a rúa peonil. Si, avenida do Balneario.

Por que escolleu esa imaxe?

Se colles a fotografía ves a tres persoas de paseo. Eu convido a ese paseo. É o Arteixo dos 70. Esta imaxe é unha postal das que facía antigamente a librería Amalucha, o cal lle adico un capítulo. Hoxe viría a ser a librería Laydi, que está ao lado do CEIP Ponte dos Brozos. Nos anos 70 fixo varias postais. Algunhas delas aparecen neste libro. Neste libro conto que a primeira vez que despachei ao público foi na librería Amalucha porque elas eran cuñadas do meu tío.

De todas as historias que recolle no libro, con cal se queda?

Si que é difícil contestar. Con todas. Todas están escritas con moito cariño e todas intentan aportar o se gran de area para recuperar a memoria. Quedarme cunha resúltame complicado. Hai algunha historia na que deixo algunha pincelada da miña vida persoal, pero quedarme con unha en concreto é difícil. Intentei ser xeneroso con todas as parroquias. Por iso pasamos de 38 a 50 capítulos. Todas as parroquias están representadas.

Espera que este libro teña tan boa acollida como o primeiro?

Eu entendo que estamos en tempos difíciles. Neste Crónicas de Arteixo II tiña pensado facer roteiros polo centro de Arteixo. Xa estiven falando co xefe de Policía Local. Vou facelo, pero non sei cando. Será con grupos reducidos. É unha idea que estou estudando.