A que se debe a súa marcha?

É unha marcha coñecida internamente, organizada e decidida pola asemblea local do BNG hai aproximadamente un ano. É unha petición propia motivada por un cambio nas miñas circunstancias persoais e laborais que me fixo asumir novas responsabilidades que dificultaban moito adicarlle o tempo á portavocía que estimo oportuno.

Vaise con mágoa?

Si que é certo que son moitas vivencias, foron cinco anos e catro meses, pero se boto a vista atrás, pasaron tantas cousas que parece que foron 50 anos. [ri]. Estanme chegando mensaxes de xente que di: "Claro, é que levabas tanto tempo!". Tanto tempo tampouco, leva Gelo moitos máis anos ca min! [ri] Moitas vivencias, e é un traballo moi intenso. Moitas aprendizaxes. Eu cambiei moitísimo a todos os niveis: personal, político... Pero é unha etapa máis. Nunca entendín a política como unha profesión.

Que meta quedou sen cumprir?

Fixemos un esforzo grande en facer propostas, ter unha actitude propositiva, de sumar, dialogante, intentar que se tivesen en conta máis ideas que as do Goberno municipal. Gustaríame que, a pesar da maioría absoluta, tivésemos un Goberno máis dado a escoitar, a dialogar, chegar a acordos, coller as mans que se lle tenden. Pero non é algo que dependese de nós. A conciencia téñoa tranquila.

Das non conseguidas, a finca do Maxi foi a máis frustrante?

Son oportunidades. Tiñamos unha proposta concreta que non foi atendida. Había unha reivindicación veciñal que non foi a termo. Iso seguímolo considerando unha oportunidade perdida, moi valiosa, de practicar outra maneira de entender o urbanismo. En principio tampouco falaría de grandes frustracións. Son cousas coas que máis ou menos xa se contaba.

E fitos si conseguidos?

O BNG hoxe en Oleiros é unha organización moitísimo máis forte que en 2015, cando viñamos dun momento obxectivamente malo.

E algo conseguido para Oleiros?

Dar voz no pleno a veciños e demandas como no conflito co transporte escolar do colexio da Rabadeira ou pola mellora dos centros de saúde. E foi moi emocionante a moción de apoio ás vítimas do Alvia, con representantes no pleno.