Olga Romasanta é socia da cooperativa Rexenerando, entidade encargada de desenvolver para o Concello de Bergondo o proxecto Seis cafés. Etnografía dos coidados para tempos de pandemia, unha iniciativa que pretende facer unha radiografía de como eran os coidados antes e como son agora a través das historias persoais de oito mulleres do municipio. Como punto e final, elaboraron un libro co mesmo título que se presentará este domingo no edificio A Senra ás 18.00 horas. Ao acto asistirán algunhas das mulleres entrevistadas e contarase coa actuación musical de Andrés Rodríguez Boutureira. Para asistir é necesario inscribirse no mail vanessa.barral@bergondo.gal.

Seis cafés. Etnografía dos coidados para tempos de pandemia recolle as aportacións do encontro virtual Coidatopías

O libro nace dun proxecto máis amplo do mesmo nome Seis cafés. Etnografía dos coidados para tempos de pandemia que levamos a cabo para o Concello de Bergondo e que desenvolvemos desde Rexenerando. Comezamos en setembro e este domingo será como a clausura. Foron entrevistas con oito mulleres, e a idea era manter seis cafés, seis encontros en tres tardes, para facer a súa historia de vida, ver

como cambiaron os tempos e íamos preguntando por temas e os coidados.

Como foi a selección destasmulleres?

Traballamos esta selección previamente coa Concellaría de Servizos Sociais, buscabamos seis veciñas o máis diversas posibles, aínda que despois foron oito: que foran de parroquias distintas, de idades —de 70 a 100 anos—, das súas traxectorias: unhas marcharon, outra é xitana... Coa axuda da alcaldesa e as técnicas municipais foron facendo a composición porque o momento é complicado, algunhas veciñas non querían porque eran visitas e aínda que se facían con moitas medidas de seguridade, pois non era un momento fácil. E fomos preguntando por distintos temas, e sobre todo polos coidados no termo más amplo da palabra: dos nenos, dos pais, dos animais, o coidados a nivel comunitario na súa historia de vida, e tamén cando foron elas coidadas cando eran nenas ou cando estiveron enfermas. Como era o luto, o duelo, porque todas eran viúvas, aínda que non o buscabamos.

Aínda que perfís diversos. Chegan as mesmas conclusións?

Si. Hai seis fíos en común, que incorporan a perspectiva de xénero porque son historias de mulleres e polo feito de ser mulleres hai moitas cousas en común, como por exemplo que todas foron coidadoras. Era a nosa tese de partida: que son coidadoras, o fixeron ao largo da súa vida, se encargaban dos nenos, dos pais, dos sogros... E non están moi valoradas por ese traballo. Hai máis, porque hai moitos paralelismos entre elas e tamén moita diversidade, ven a vida de forma moi distinta.

Os coidados seguen a ser cousa de mulleres?

Cando ideamos este proxecto foi no confinamento, porque íamos a facer outra cousa diferente. Pero si, os coidados seguen a recaer sobre as mulleres e se vía nese confinamento e nos medios saía que o maior impacto da pandemia recaía en mulleres de trinta e tantos a cincuenta e tantos anos: teletraballando e coidando dos fillos... Queda moito camiño por facer aínda que houbo avances, pero parte do obxectivo era ver como foi antes, o que pasou, para chegar agora. Hoxe temos máis capacidade de elección pero hai parte de coidados que antes recaía sobre máis cabezas, todas femininas, pero non era só a nai, era a avoa, a tía, a comunidade. Esta primeira parte consistía en mirar atrás, en como foi e o encontro virtual Coidatopías que foi despois aberto a xeracións diversas, de 20 a 70 anos para mirar cara adiante.

Unha das preguntas que expoñen é se se poden organizar os coidados doutra maneira?

Como nos gustaría que foran os coidados en 2035. Cremos que si se pode facer doutra maneira e non se trata de non coidar, se non de facelo doutra maneira e visibilizalo.

En que vai consistir o acto deste domingo?

É un acto aberto, co aforo reducido, polo que haberá que inscribirse, pero despois, a publicación estará dispoñible na web do Concello. É un libro moi visual, as participantes fixeron unha sesión de fotos coa fotógrafa Charo López. Recollemos as súas historia en positivo e dunha maneira moi agradable coa idea de que teña a máxima difusión. Ademais, estarán no acto varias das mulleres que entrevistamos.