Recuperar a memoria e a obra das mulleres compositoras de música clásica de todas as etapas históricas e sensibilizar aos alumnos, profesorado e público en xeral sobre o "silencio e esquecemento" que cubriu a obra destas autoras durante séculos, é o obxectivo que ten a Asociación de Nais e Pais de Alumnos (Anpa) do conservatorio de Culleredo ao poñer en marcha o proxecto Música para a Igualdade, unha tarefa na que ao longo de meses conseguiron recompilar información sobre a vida e a obra de máis de 150 autoras da historia da música, datos que recollen na web da Anpa, na Biblioteca Violeta, para que calquera a poida consultar.

As nais e pais, porén, tamén queren publicar en papel todo este traballo recompilado para que poida usarse como "manual de consulta por parte de profesores e alumnos".

Xunto a esta iniciativa, na propia biblioteca do conservatorio acaban de estrear un Espazo Violeta no que se poden ver varias partituras de distintas compositoras que foi mercando a Anpa, tamén para libre consulta. "A mellor maneira de recuperar a súa memoria é coñecendo, estudiando e interpretando a súa música", afirman dende a Anpa.

Neste espazo existen así partituras de Jacquet de la Guérre, Nadia Boulanger, Ana Amalia de Prusia, Tona Scherchen, Consuelo Díez, Ida Gotkosky, Alma Mahler, Clara Schumann ou María Teresa Von Paradis.

O mes pasado xa levaron a cabo tamén un acto no que participaron mulleres compositoras actuais: a soprano, profesora e compositora Victoria Álvarez Acón; a musicóloga, compositora e profesora Margarita Viso; e a compositora ferrolá Oriana Sofía Infante

(autora da banda sonora da película Marcela y Elisa de Isabel Coixet). Foi un diálogo, presencial e telemático, onde houbo intercambio de opinións, reflexións e experiencias sobre o papel da muller durante séculos na música e na cultura en xeral, e sobre esquecementos que ainda hoxe se dan.

Este proxecto también foi apoiado polo profesorado e nestas últimas semanas fixéronse miniconcertos dixitais no conservatorio con obras de autoras como a coruñesa Mili Porta, unhas audicións que se manterán ao longo de todo o curso. Ademáis, os alumnos de sexto de Grao Profesional dedicarán o seu proxecto a traballar obras de autoras clásicas españolas.

A Anpa agradeceu o apoio da Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta e do Goberno de España (que subvencionou a iniciativa a través do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero)?, do Concello cullerdense, do profesorado, alumnado e a directiva.