Cen anos de fútbol en Arteixo e A Laracha. Este é o título do novo libro que xa ten case listo o escritor e historiador Xabier Maceiras, que se define un “trallador da memoria” e que neste caso decidiu recuperar os episodios máis destacados deste deporte nestes dous concellos. O contido da obra xa está elaborado e agora falta a súa impresión. A previsión é que este listo despois do verán. A estancia da selección española e do Real Madrid no balneario, o fillo de emigrantes de Meicende que gañou o Mundial en 1950, o primeiro arteixán que xogou a Champions League ou a traxectoria de Arsenio Iglesias como futbolista e adestrador. Estas son algunhas das historias que aborda o libro.

Pódese dicir que Arteixo foi unha pequena potencia futbolística na década dos 60 e 70?

O que me gusta é falar un pouco dos dous concellos. Se falamos de Arteixo en singular, Arteixo chegou a ter 12 equipos federados, entón si que foi unha auténtica potencia futbolística. Xa a nivel estatal, sacando as capitais de provincia e as grandes cidades, foi dos concellos onde había máis equipos federados. Foi moitísima actividade.

Na Laracha cantos equipos chegou a haber?

Na Laracha chegou a haber cinco, o que pasa é que dous xa foron nos anos 70 e 80. Neste caso o Golmar e o San Román. Houbo tamén Paiosaco, Laracha e o Club do Mar de Caión. Eses fundáronse nos anos 60. Entre os dous concellos chegou a haber 17 equipos federados.

É unha cifra alta para dous concellos como son Arteixo e A Laracha.

Hai 26 parroquias, son trece por concello. É unha cifra considerable.

No libro repasa a historia do fútbol nos dous concellos dende o principio ata a actualidade.

En principio tiña a idea de facelo neste formato e rematar o libro cunha pequena historia de cada un dos 17 equipos federados, pero iríame a moitísimas páxinas. Entón esa historia quedará para unha segunda parte do libro. Eu teño esas primeiras informacións de como se foron creando esas primeiras sociedades, tanto en Laracha como en Arteixo. A partir de aí vou contando o que fun atopando pola hemeroteca como por transmisión oral. Hai un capítulo inicial para poñer en contexto ao lector de como vai chegando o fútbol a Galicia e no segundo capítulo de como chegou o fútbol aos dous concellos. Rematamos na actualidade. Vamos contando pincelaliñas. Despois da guerra, conto acontecementos que tiveron o seu aquel: a estancia da selección española no balneario, dous anos despois estivera concentrado alí o Real Madrid cando xogara a Copa do Generalísimo no 47. Outro tema que me encantou facer foi ese paralelismo dende a outra parte do Atlántico, desde o mundo da emigración. Os fillos de arteixáns e laracheses que estaban facendo cousiñas nos países de acollida dos seus pais. Aí hai casos como Cotorra Míguez, fillo de emigrantes de Meicende, que foi campión do mundo con Uruguay no ano 50 no Maracanazo. O tema da emigración aparece de principio ata o fin. No final aparece Loris Benito, que é xogador da selección de Suíza e a súa nai é de Pastoriza.

Tamén quixo destacar o fútbol feminino?

O fútbol feminino tamén o quixen poñer en valor. É outra das patas importantes do libro.

Do tema da emigración tamén hai un episodio curioso: o partido do Peñarol de Lañas contra o Peñarol de Montevideo. Como ocorreu?

Este partido foi realmente unha anécdota. Tivo moito que ver co presidente do Peñarol de Montevideo, Washington Cataldi, que era un gran empresario e un político de Uruguai que estaba casado aquí. A súa sogra era da parroquia de Morás. Washington Cataldi viña todos os veráns aquí a pasar uns días a casa da súa sogra. Aí se xestionou ese partido. Un día os da panadería de Lañas foron a repartir o pan por alí por Freán, por onde paraba Washington Cataldi e os da panadería sabedores de que alí estaba Washington Cataldi comentáronlle iso. Entón díxolle que ese ano ían xogar o Teresa Herrera e que se o gañaban, naquel momento o gañador do Teresa Herrera era convidado ao ano seguinte. O Peñarol gaña e volve ao ano seguinte e xogan ese partido. Para o Peñarol de Montevideo foi un día de adestramento antes de xogar o partido do Teresa Herrera.

Prefire o fútbol actual ou o que había nos 60 ou 70?

Eu fun xogador nos anos 80. Xoguei nas categorías inferiores do Penouqueira. Non teño nada en contra do fútbol de hoxe, pero eu son un romántico e nostálxico. Eu quédome co fútbol de antes. Agora co papá fútbol na televisión. Antes vías os campos ateigados de xente e agora case hai máis xente nun partido de peñas que nun partido de fútbol federado.

Ten intención de facer unha segunda parte do libro. Que vai contar?

Pois centrarse na historia dos 17 equipos federados. O libro que vai saír despois do verán está ordeado por orden cronolóxica. Ten pinceladas de todos os equipos.