José Chas morreu en 1947 en San Pedro de Nós en Oleiros e despois de décadas de esquecemento os mozos son os que están a recuperar o resplandor da súa figura e da súa inxente obra musical, de xeito que nos últimos tempos xa se oen as súas pezas e os seus arranxos en gravacións. Da man do guitarrista e investigador Samuel Diz, o talento deste oleirense xa se puido escoitar na Casa Picasso de Málaga en 2019 e agora, na Casa Museo Rosalía de Castro.

Samuel Diz, especialista na música da xeración do 27, gravou na casa de Rosalía en novembro de 2020, cunha copia facsímile da guitarra orixinal de Federico García Lorca, a Negra Sombra de Juan Montes co arranxo histórico de Chas, dentro do proxecto Músicas inéditas en casas literarias, un proxecto de investigación, interpretación e divulgación do patrimonio musical galego para guitarra.

“José Chas bebe da herdanza decimonónica. A nivel galego o seu repertorio é moi importante pola cantidade, case duascentas pezas, e porque da conta da presenza da guitarra en Galicia, que parecía que nesa época non existía. Chas busca un refinamento dende os seus coñecementos, con moito coidado nas armonías e nas melodías”, conta Samuel Diz. “Este traballo é un proxecto distinto, unha gravación directa e nun contexto de recuperación do patrimonio cultural e dialogando con lugares emblemáticos”, engade.Esta gravación pode desfrutarse na web de Diz, na de Política Lingüística da Xunta e en You Tube.

Neste traballo toca outras dúas composicións: unha “moi descoñecida” Marcha Russa de Juan Ribas, compositor e director de orquesta de Ferrol; e La Soledad de Avelina Valladares de A Estrada, unha “peza rara e a única que se conserva” desta autora da que se di que é a primera composición coñecida para guitarra feita por unha muller galega no século XIX.

Na biblioteca Ánxel Fole de Nós gárdase o legado musical do guitarrista e compositor José Chas (1908-1947), que so viviu 39 anos por culpa dunha enfermidade dexenerativa que o mantivo encamado nos últimos anos. Neste compuxo preto de 200 pezas musicais (entre tangos, muiñeiras, minuetos, valses, bagatelas, serenatas, mazurcas, habaneras, nocturnos...), arranxos de ópera, adaptacións musicais para o repertorio de orquestas famosas da época (que se estrearon en La Terraza de Sada e en O Seixal). Chas aprendeu de forma autodidacta a tocar a guitarra e despois estudou solfeo, aprendeu el só inglés e francés, foi fundador da rondalla La Lira. Foi mestre de recoñecidos músicos, un espíritu famento de coñecementos no medio da pobreza daqueles anos e tamén un apaixoado da cultura, da literatura, que converteu a casa onde vivía nun refuxio de alegría. Fixo arranxos de moitas pezas coma este Negra Sombra, composición que Juan Montes escribira a partir do poema de Rosalía.

O seu discípulo Xulio Dans ordenou as súas composicions e escribiu un libro sobre el que axudou a que o seu nome pervivise para as seguintes xeracións. Xente coma o profesor Sergio Franqueira que publicou artigos sobre el en 2018 e 2019, coma Diz ao incluir o Preludio número 3 de Chas no disco Guitarra clásica galega e agora con esta gravación tan especial que é unha delicia para os sentidos e que se fixo na habitación de Rosalía (na que hai un poema de Lorca), que tamén tocaba a guitarra na intimidade. Pero no rescate da figura de Chas tamén hai un oleirense que axudou a manter viva a súa memoria, o músico Xerardo García.

Este proxecto Músicas inéditas en casas literarias é unha producción da Editorial Poliédrica e Samuel Diz, ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021.

“Dentro de pouco xa imos publicar a segunda colección, neste caso na Casa de Risco en Allariz. Vai ser un monográfico de Ramón Gutiérrez, quen ten un punto de conexión con Chas: foi barbeiro tamén. Chas comezou de mozo a gañar cartos cortando o pelo e Gutiérrez foi un barbeiro moi importante, ata patentou champús e elementos de afeitado.

É interesante a conexión barbeiros-guitarristas, e algo moi estudiado en Andalucía e ata hai teses doutorais sobre eso. Está o barbeiro de Sevilla, no Quixote tamén...”, explica Diz, quen tamén toca ás veces pezas de Chas nos bises, como cando presentou o seu traballo Memoria de la melancolía (gravado na Casa Museo Huerta de San Vicente de Federico García Lorca en Granada). Polas circunstancias sanitarias que estamos a vivir, agora os concertos en directo teñen que esperar.

“Cando vin o arquivo de Chas en Nós a primeira impresión foi pensar canto material hai aquí, partituras a maioría manuscritas, de distintas caligrafías ao ter problemas de mobilidade. Despois empecei a ler e estudar as súas pezas, ver a súa linguaxe musical que bebe do século XIX, de músicos coma Tárrega, un repertorio moi melódico, escrito dende e para a guitarra, unha achega á música popular e no que se nota a influencia das rondallas”, suliña Samuel Diz.