Como foi a primeira toma de contacto co comité de expertos?

Foi unha reunión telemática, o que sempre inxire un grao de distancia neste tipo de cousas, pero viuse moi compensada pola vontade cálida de cooperación de todos os membros da comisión, sen excepción. Todos estabamos de acordo na vontade de facer algo grande, que dure, e de chegar a acordos, malia que poida haber distintas sensibilidades.

Hai algún punto en común de entrada?

Hai consensos xerais. O primeiro, por referirmos ao grande debate nestes días, tamén nas páxinas de La Opinión, é que non hai que contrapoñer memorias: a de Emilia Pardo Bazán e a memoria democrática e crítica do franquismo, hai que complementalas. A memoria crítica do franquismo non se vai construír en contra do recordo de quen construíu as Torres, e tampouco vai acontecer á inversa. Lembrar a Emilia Pardo Bazán no vai ir en detrimento da memoria crítica do franquismo, e de que Meirás estivo en mans de quen estivo, e non só iso, senón que foi o centro simbólico do poder franquista. Tivo máis fases, como o que acontece trala morte do ditador, sen esquecer a reivindicación do pasado recente. Todo iso pódese coller en base a un común denominador, eses valores positivos que queremos poñer de relevo. Hai que pensar como artellalo de xeito concreto. Non só se trata de resignificar o interior das Torres, ou do que amosamos ou non, senón de que sentido se lle dá á granxa, que facer cos xardíns, se cabe un centro de estudos e interpretación. O que é fundamental é que Meirás non se converta nun lugar esquecido no que van un par de turistas ao ano. Se o facemos ben, pode ser un lugar de memoria de referencia en Galicia e mesmo na Península.

A cuestión non está no que, senón no como.

Hai que identificar un problema e artellar un relato. Non se trata de acumular alí moitos datos, senón de identificar problemas e cuestións primordiais e, a partires delas, artellar a reflexión, sempre nese común denominador dos valores democráticos. Alí caberían a memoria critica do antifranquismo, a ditadura que non pode volver repetirse, Meirás como símbolo da reivindicación democrática, e tamén os ámbitos da obra de Emilia Pardo Bazán, relativos, por exemplo, ás súas reivindicacións con respecto á figura da muller.

O feminismo de Emilia Pardo Bazán é outro dos asuntos que xera debate estes días.

Todos os debates son lexítimos, e os relativos á política da memoria son moi sensibles. Isto non só acontece aquí; en Italia, Alemaña ou Portugal teñen debates semellantes. Non podemos pensar que somos tan excepcionais que imos achar unha solución nun par de meses. Estabamos tan concentrados na titularidade que non pensamos no que podía acontecer despois. É normal que haxa distintas sensibilidades, pero non podemos caer no erro do anacronismo, de xulgar épocas pasadas con valores de hoxe. É evidente que hoxe en día o feminismo de Pardo Bazán, comparado co feminismo democrático e igualitario, é pouco avanzado. Hai que velo no seu contexto, tendo en conta que era una muller con valores aristocráticos, que estaba en contra do sufraxio universal e da democracia, que tiña fortes crenzas aristocráticas que se acentuaron coa idade e que foron evidentes na súa descendencia. Porén, no tema da igualdade tivo posicións claramente avanzadas, visto desde hoxe tamén Castelao e Pablo Iglesias eran machistas. Non temos que ter unha visión anacrónica e monocor dela, senón da súa complexidade e do seu carácter poliédrico. Non sei se é un faro de igualdade, porque a igualdade implica moitas máis cousas, pero hai moitas cuestións aproveitables.

Hai algún destino meditado para os bens interiores, no caso de que a súa titularidade pase a ser pública?

É a xustiza a que ten que ditaminar que é do Estado e que é dos Franco. Dende logo, hai moitos obxectos, como a meirande parte dos trofeos de caza, que non son de Franco, senón dos netos. Hai algúns obxectos que poden ser imprescindibles, xa non polo seu valor artístico senón polo simbólico, como o cadro de Zuloaga no que sae Franco coa pucha vermella, ou os de Sotomayor. Hai algúns que son elementos que precisan explicación individualizada, hai pinturas que datan da época de Emilia Pardo Bazán que habería que identificar con máis precisión. Está a biblioteca, algúns libros eran de Pardo Bazán e outros de Franco, e algúns teñen máis interese ca outros.

Con respecto a isto, ábrese outro debate. A Real Academia avoga por centralizar a biblioteca de Emilia Pardo Bazán na rúa Tabernas, e algunhas administracións por deixar os libros en Meirás.

A da RAG paréceme unha proposta razonable. Ás veces fálase de que non hai espazos adicados a Pardo Bazán, mais aí está a Casa Museo da rúa Tabernas. Queren unificar esa biblioteca, aínda que moitos dos libros terían que ser sometidos a unha restauración severa. Paréceme razoable se se pensa nos estudosos de Pardo Bazán, para os que será máis cómodo se teñen toda a biblioteca xunta nun lugar de fácil acceso, como A Coruña.

Vai publicar un libro sobre as resignificacións dos inmobles ligados ás ditaduras europeas. Que podemos aprender de Europa?

A xestión deste tipo de lugares de memoria, ou lugares de ditador, sempre é problemática, mesmo para democracias que abordaron dende un primeiro momento una revisión crítica do pasado ditatorial. Temos o exemplo da casa natal de Salazar, que estivo esquecida preto de tres décadas. A tumba de Salazar é anónima, nun cemiterio pequeno e familiar, totalmente alonxada do modelo Val dos Caídos. Está Predappio, a localidade natal de Mussolini, que el refixo no seu réxime co obxectivo de que fosen alí os peregrinos fascistas. Está chea de neofascistas: hai tendas que se adican á venda de souvenirs fascistas, alí está a cripta do ditador, e a xente vai vestida coa camisa negra. Moitos temen que estes lugares onde o ditador viviu humanicen a súa figura, hai ese risco de banalización; malia que o amoses cunha perspectiva crítica, hai que facelo con moito tino, e darlle una narrativa que non convirta ese lugar nunha meca de pelerinaxe do fascismo. O da casa natal de Hitler debateuse durante décadas, e chegaron á solución o verán pasado: converter a casa nunha comisaría de policía. Así evitas concentracións de neonazis. Moitas veces, a sensibilidade dos alcaldes locais é distinta da dos historiadores: en Portugal e Italia querían atraer ao turismo, dende o chamado turismo negro ata excursións escolares ou historiadores. Se deixas os lugares abandonados, son visitados igual polos nostálxicos. Tes que partir de que xa van vir, e guialos ti. No leste de Europa tomaron a solución Disneylandia; en Rumanía, a casa de Ceaucescu é case un parque temático, igual que ocorre con Tito na antiga Yugoslavia ou coas residencias de verán de Stalin, que é un museo apoloxético co obxectivo de atraer turismo. Nós non imos facer iso. O que un aprende vendo modelos comparativos é que Meirás ten vantaxes, como o feito de ter una historia anterior e posterior. Pódese fiar un relato en torno a una serie de eixos, a través dos cales podamos explicar a historia de Galicia e mesmo de España.