A Iniciativa Galega pola Memoria vén de solicitar reunións co delegado do Goberno, Javier Losada; o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e os voceiros dos grupos presentes no Parlamento galego, o popular Pedro Puy, a nacionalista Ana Pontón e o socialista Gonzalo Caballero ao obxecto de transmitirlles a necesidade de que tanto o Estado como a Xunta presenten recursos contra a sentenza que obriga a indemnizar os Franco para recuperar Meirás, e que inclúe un "relato compracente co ditador que suporía branquear e perpetuar a extorsión económica do franquismo".

A coordinadora da IGM decidiu por unanimidade que actúen como voceiros seus nos asuntos relativos a Meirás, os investigadores, Carlos Babío e Manuel Pérez Lorenzo, autores de Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio, que forman parte da plataforma como integrantes da Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo. Ademais, trasladou a ambos o total apoio da Iniciativa o manifesto Volver pagar polo roubado: unha sentenza inasumible para un Estado democrático, que conta xa con 3.000 sinaturas e o apoio de máis dun cento de colectivos do país e tamén de Euskal Herria, Madrid, Catalunya ou Andalucía. 

Na solicitude de reunión, Iniciativa Galega pola Memoria lembra que a recuperación de Meirás para o desfrute público foi “a culminación dunha reivindicación que se caracterizou pola divulgación de investigacións históricas e a suma progresiva de vontades, coa construción de consensos determinantes para acadar a finalidade que se perseguía”. A sentenza da Audiencia Provincial da Coruña, apunta, suporía un "paso atrás que é imprescindible reverter para que o "pazo de Meirás poida converterse nun símbolo de entendemento, de ruptura co franquismo, de afondamento nos valores democráticos que deben caracterizar á nosa sociedade e ás nosas institucións”. "Non se pode dar por acaída aos intereses públicos unha sentenza que branquea á figura do ditador e pon en dúbida os procesos represivos cos que o Pazo chegou a mans de Franco”, defende o colectivo nun comunicado remitido aos medios.

A Inicitiva Galega pola Memoria trasladou durante a última reunión da Xunta pro devolución do Pazo os seus parabéns á Deputación da Coruña, Concello de Sada e Concello da Coruña, pola súa decisión de recorrer o fallo aínda conscientes das poucas probabilidades de admisión e estimación deste tipo de recursos ante o Supremo, que se verían agravadas, lamenta, pola renuncia a recorrer do principal actor no proceso xudicial, o Estado.