O maior reto que afronta o Concello de Cerceda neste momento é o peche da central térmica de Naturgy tras 40 anos de actividade. O alcalde, Juan Manuel Rodríguez, analiza a situación.

Que supón para o Concello o peche da central térmica?

O peche da central térmica para o Concello de Cerceda supón dende logo unha eiva a nivel de emprego, pero tamén unha eiva nos ingresos que tiña o Concello a nivel de BICE e IAE (Bens Inmobles de Características Especiais e Imposto de Actividades Económicas) de 1.200.000 euros ao ano aproximadamente, que evidentemente se aproveitaban para dar servizos á veciñanza.

Como van suplir esa falta de ingresos?

Esa falta de ingresos súplese con optimización, digamos que pensando moito a nivel cualitativo e optimizando recursos. De feito, non hai ningún servizo básico que preste o Concello que se deixara de prestar e iso súplese con sobreesforzo de xestión que estamos asumindo.

Esta semana tivo a reunión co vicepresidente económico da Xunta, como van traballar para lograr as alternativas industriais ao peche da central?

Nós solicitamos esa reunión coa Xunta de Galicia polo feito de facer a todas as institucións partícipes da realidade de Meirama-Encrobas. Para fortalecer o fío de interlocución coas distintas administración públicas. Hai que darse conta que a central térmica está ao borde do desmantelamento . Canto antes hai que pasar das palabras á acción. Hai que darse conta que dende Madrid xa hai unha serie de cuestións que se están facendo como son os procesos participativos e os convenios da transición xusta. Estamos á espera dos resultados. Tamén están estas axudas de sete millóns que se sacaron para para proxectos, que nós presentamos dous que tíñamos na recámara e para os convenios de transición xusta presentamos una ducia de proxectos.

Cales son os proxectos?

Son lúdicos e industriais. A ampliación do polígono industrial, a economía circular, usos para o lago. O que esperamos é que haxa inversión privada que vaia desenvolvendo a economía e o emprego. Dende Madrid xa se están facendo cousas. No que hai que poñer é o foco na Xunta de Galicia. Se se fala de transición xusta Cerceda ten que ter un papel destacado. É imposible falar de fondos europeos e de transición xusta sen falar de Cerceda. Ese é o compromiso que agardamos da Xunta de Galicia. A posta en marcha de proxectos que xeren emprego e que xeren desenvolvemento económico. Esa é a nosa idea. Hai que ter en conta, con especial sensibilidade, é Sogama, que está participada nun 49% por Naturgy, unha institución coa que sempre tivemos unha boa relación dende o Concello.

Que lle parece a proposta de Naturgy de facer un parque eólico nos terreos da central e arredores?

O que nós nunca imos permitir é que haxa ningún tipo de parque eólico que non cumpra coa legalidade. Son actos reglados. Nese sentido o que solicitamos á Xunta de Galicia é a máxima rigurosidade á hora de que se concedan os permisos respectando as condicións que marca a lei. Que o parque eólico sexa o menos lesivo para a zona. Tamén tendo en conta que a reindustrialización dunha zona non pasa por a enerxía eólica, que evidentemente xera uns ingresos para as arcas públicas, pero a enerxía eólica por si soa non xera nin un incremento eo mantemento do emprego. Vai ser unha parte que se ten que complementar con outras. Nós queremos desenvolvemento económico e emprego. É algo polo que sempre polo que loitou o partido socialista de Cerceda.

Naturgy ten que implicarse máis para ofrecer alternativas de emprego?

Evidentemente ten que ter unha responsabilidade social e ten que sentarse co territorio e pechar acordos e conveniar, porque estamos ao borde do desmantelamento. Nese sentido é aí o noso interés de facer partícipes a todas as administracións e que ninguén mire para outro lado.

Como é a relación de Naturgy co Concello para abordar o futuro?

Eu quero que se senten a pechar acordos. Evidentemente hai que pechar acordos. O territorio exise garantías. Hai que ter unha responsabilidade social con Cerceda e a zona e nós o demandaremos así sempre. Haberá que ver como se materializa cos efectos e a transición xusta e cal son as sensibilidades co peche da central. Queremos que os compromisos da transición xusta se materialicen con convenios.