Os máis maiores non só foron maioría entre as víctimas mortais do COVID, senón que están a sufrir máis que o resto os outros efectos secundarios desta pandemia. O que máis destacan é a falta de contacto directo. Estar coa familia, ir tomar un café cos amigos, quedar para ir a actividades. Tiveron que buscar quefaceres para encher tanto tempo de soidade e aillamento. Así o falaron onte no Liceo de Betanzos catro veciños deste concello que participaron na gravación do Proxecto Memoria, unha iniciativa de Artestudio Xestión Cultural con financiación da Deputación, para coñecer da súa propia voz o impacto desta situación extraordinaria. Despois de gravar en A Coruña e ir próximamente a Sada e Oleiros, onte as testemuñas brigantinas, moderadas pola narradora Charo Pita, foron con Pilar Babío, Beba Picado, María del Carmen Santos e Luis Otero.

“Eu boto de menos o contacto entre as persoas ”, dixo Luis Otero, de 68 anos. “Exactamente, as señoras están deseando saír, poder falar con outras”, apoiou María del Carmen, máis coñecida como Maruja, que conta con 78 anos. “Eu ía traballar á finca, e para non aburrirme tamén collía a máquina de coser e facía cousas para os fillos, e tamén lles facía comidas e viñan por elas. É ao que me dediquei todo o ano”, engadiu Maruja.

Unha das conclusións xurdidas nesta gravación foi que as consecuencias da crise sanitaria foron moi diferentes segundo o lugar de residencia, no rural ou na cidade. “Nós ao estar no campo notámolo menos. Estás máis tempo na leira, tiras máis do teléfono”, asegurou Beba Picado.

Outra cuestión na que os maiores estiveron dacordo foi en que pensaban que a pandemia ía durar menos. “Eu esperaba que ía durar tres ou catro meses, pero un ano...”, afirmou Maruja. “Para mín tamén foi unha sorpresa grandísima, tamén pensábamos que ía durar menos”, engadiu Beba Picado de 68 anos. “Eu vivo soa, teño dous fillos que viñan todos os días á casa e despois non podían vir, e ves que vai para longo. Chamadas telefónicas, algúns cafés cando se podía. Notamos moito a soidade. Tamén me coincidiu que deixei a miña casa e trasladeime e tiña unha pena. Pero hai que adaptarse ao que hai. No piso dediqueime a ler”, sinalou Pilar Babío, de 74.

A pandemia foi o punto de partida para que os maiores falasen doutras cousas. Non lembran vivir ningunha circunstancia tan excepcional coma a do COVID, aínda que Maruja atopou parecidos coa incidencia da tuberculose que tanto afectou aos mozos cando ela tiña entre dez e doce anos. “Avisábante moito de que non te achegaras. Nunha casa morreran todos os fillos”, indicou. “Nós non, pero os avós sí lembraban a peste da gripe, e dende daquela quedou o de lavar as mans, ventilar as casas”, engadiu Luis.

Da tuberculose e a gripe de 1918 pasaron a contar lembranzas da guerra e da ditadura. “Meus avós na Roibeira tiñan a un amigo escapado metido nun bocoi”, dixo Beba. “Meu pai contaba que en Irixoa tiñan a dous escondidos no cortello das vacas”, explicou Pilar. “Un que coñecemos que se salvou dun fusilamento, chamábanlle O Fusilado, estaba agochado nunha leira de millo”, engadiu Maruja. A fame na posguerra, como se cultivaba todo e se usaban os sacos do azucre para facer sabas; a emigración que alonxou tantas familias; e sobre todo Os Caneiros, o tema favorito dos maiores, no que se deleitaron polos seus recordos daqueles Caneiros familiares, de comida e mantel. “Agora non llos recomendo a ninguén”, suliñou Luis.