O instituto Blanco Amor de Culleredo gañou un Premio Mil Primaveras co seu Plan de desconfinamento da lingua galega. O centro proclámase vencedor na modalidade de proxecto máis innovador destes galardóns, que organiza a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística (CTNL) coa colaboración da Xunta, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e da Deputación de Pontevedra. Unha iniciativa do Servizo de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña figura tamén entre os galardoados.

O proxecto do Blanco Amor propuxo actividades e retos e estableceu catro fases, nun guiño ás fixadas polo Goberno estatal para a desescalada despois do confinamento domiciliario do ano pasado. Reflexionar, descubrir, soltarse na casa e dar o salto ao galego nas redes sociais foron as catro fases establecidas no plan do Blanco Amor, do que resultou unha avaliación “moi boa”, explica o profesor que ideou o proxecto, Xosé Manuel Vidal.

“Quedamos moi satisfeitos, pois serviu para animar ao alumnado nun momento duro, durante o confinamento. O alumnado participou moito e animouse a facer moitas cousas desde a casa, como receitas, vídeos, cancións, camisetas, lemas ou carteis, e todo vehiculado a través da lingua galega”, celebra o docente, quen ve no premio “unha satisfacción e unha alegría moi grande”.

O resultado do traballo, ademais do recoñecemento “simbólico” do galardón —que non ten dotación económica nin material—, foi a busca da promoción do uso da lingua galega. “Serviu para que os adolescentes usasen algo máis o galego nas súas relacións familiares e tamén, por exemplo, nas redes sociais”, apunta Vidal.

O xurado destaca do traballo do Blanco Amor que “se aproveitou a actualidade sanitaria do momento para crear un proxecto totalmente adaptado ás circunstancias da pandemia”. Restalta tamén “a boa planificación, a definición de obxectivos e fases do proxecto e a orixinalidade da adecuación de ferramentas e recursos coñecidos a unha situación singular”. E “que hai mais innovador que adaptarse ás circunstancias da pandemia?”, apunta.

Os outros premiados, dos 37 proxectos inscritos, son: o Dígoche eu, da Crtvg, a mellor comunicación e impacto; Enreguéifate e Regueifesta, como mellor proxecto estabilizado, Galeguiza-T, mellor proxecto novo; Projeto Educativo Semente, dirixido á infancia e mocidade; Galegoempresas, mellor proxecto sectorial; e O galego, a miña lingua propia, da Deputación da Coruña, como posible modelo para outras administracións.