O pleno de Sada aprobou onte unha declaración institucional con motivo do centenario de Carmen Arias de Castro, máis coñecida como Mimina, filla adoptiva do concello e “figura senlleira e fundamental na historia de Galicia”. O Concello pretende pór este ano o foco en Mimina, que foi moito máis ca muller de Isaac Díaz Pardo. A confundadora de Sargadelos foi “mecenas, deseñadora, artista”, lembran os grupos da Corporación nesta declaración conxunta.

Un retrato da cofundadora de Sargadelos.

Un retrato da cofundadora de Sargadelos. Redacción

“Sada e Galicia en xeral teñen unha débeda con ela e co lugar que recoñecía como fogar, O Castro de Samoedo, xa que foi a muller que iluminou desde o fondo ese lugar para todos nós, e hoxe resulta necesario o recoñecemento, a reparación e, sobre todo, a xustiza que este persoa e o seu traballo merecen e así alimentar o lume que ela acendeu hai moito tempo”, defende o Concello.

Nun concello que no político non é moi dado aos grandes consensos, a figura de Mimina, esta artista comprometida e innovadora, mereceu o recoñecemento unánime da Corporación, que pretende realizar una serie de actos para dar a coñecer a figura de Carmen Arias e levantar esa “lousa de invisibilización”. “Aínda que sempre ficara ao fondo e en silencio, esta muller miúda que calou tanto debe estar presente no relato do noso pobo e na nosa memoria”, defende o Concello. A merecida homenaxe a cofundadora de Sargadelos chega cando se cumpren oito anos do seu falecemento, o 1 de novembro de 2013 no Castro de Samoedo.

Os actos para reivindicar a súa memoria coinciden cunha iniciativa do Concello sadense, a proposta do BNG, para irmandarse coa cidade arxentina da Magdalena, que acordou recentemente poñer o nome de Isaac Díaz Pardo a unha rúa en lembranza da fábrica de porcelana Celtia que Isaac creo nesa cidade a mediados do século XX. O irmandamento é un proxecto no que o BNG leva traballando desde hai tempo e que pronto recalará en pleno.