Xela Arias é a quinta muller á que se lle dedica o Día das Letras Galegas e a área de Normalización Lingüística e Igualdade da Deputación da Coruña quere cun programa de actividades homenaxear á escritora e tamén recuperar ás que a precederon. Vídeos pola rede, obradoiros, espectáculos musicais e intervencións poéticas nos pasos de peóns de dez concellos son algunhas das iniciativas que forman parte do programa.

 "Xela Arias é unha escritora innovadora, transgresora, transformadora da palabra poética que será a protagonista deste ano mais temos que lembrar que, polo de agora e con ela, só cinco foron as mulleres homenaxeadas no día das Letras Galegas e na nosa programación queremos deixar clara tamén esa circunstancia", sinalou hoxe a deputada María Muíño, na presentación do programa que a súa área preparou para a conmemoración do Día das Letras Galegas.

 A área de Normalización Lingüística e Igualdade da Deputación da Coruña difundirá polas redes cinco micro-vídeos con preguntas e respostas interactivas de descarga libre para difundir a dimensión das cinco mulleres homenaxeadas. As máis recentes, Xela Arias e María Vitoria Moreno, inaugurarán a serie á que tamén se sumarán María Mariño, Francisca Herrera Garrido e a propia Rosalía de Castro. Ademais, os versos das súas cinco escritoras serán os protagonistas das intervencións en pasos de peóns de dez concellos da mancomunidade de Ordes e Ferrol, en espazos de tránsito especialmente visíbeis para a lectura de fragmentos das súas obras.

 

Xela Arias, a poesía como acción

 Con Xela Arias como protagonista, a Deputación da Coruña promove, en colaboración coa AELG, os obradoiros Xela Arias. A poesía como acción, con dúas propostas, unha delas titulada Xela Arias e a revista literaria de Dúas gamberras e un micro para ESO e Bacharelato e trinta obradoiros Cada día a familia de Andrea Barreira para Centros de Educación Primaria. Esta iniciativas pedagóxicas completaranse con dúas guías didácticas, unha para primaria e outra para secundaria, sobre a obra da autora que estarán a libre disposición de quen as queira utilizar.

 Por Xela! será o título do espectáculo multiartístico que terá lugar no IES Puga Ramón o 19 de maio coa participación musical da Banda da Loba que fixeron cancións de poemas da autora, fotografía de Xulio Gil e a intervención poética das escritoras Celia Parra, Estíbaliz Espinosa, Nuria Vil e Helena Salgueiro.

A Deputación da Coruña repartirá ademais polos concellos da provincia 5.000 exemplares dun libro con retratos de Xela Arias feitos por Xulio Gil e poemas da autora á que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.