O BNG de Betanzos levou ao pleno unha proposta para que se cumpra a ordenanza de uso do galego, aprobada en 2016, e que conteña unha dotación orzamentaria. A moción aprobouse de forma unánime. O Bloque quere que o Servizo de Normalización Lingüística teña o seu propio presuposto. A voceira municipal sinalou que a ordenanza aprobouse en véspera electoral “e o seu cumprimento nunca foi unha prioridade para o goberno socialista”, con “continuos incumprimentos coa sinalética, cos usos da lingua na páxina web ou nas redes sociais e mesmo coa utilización do galego na atención ao público nas oficinas municipais”, afirma Amelia Sánchez. A edil salientou tamén que Betanzos “é unha das vilas máis castelanizadas” e só a vontade explícita do Goberno municipal pode axudar a cambiar esta tendencia.