A Consellería de Sanidade notificoulle ao Concello de Oleiros que este sábado e domingo 15 e 16 de maio realizará un cribado de Covid entre veciños e veciñas adscritos ao Centro de Saúde de Santa Cruz. Serán citados vía SMS polo SERGAS unhas 4.300 persoas de entre 20 e 49 anos. As probas realizaranse no propio centro de saúde, nas horas indicadas nos respectivos SMS. A proba a realizar será un test PCR. Este cribado faise despois de que o municipio subise hoxe a nivel alto ao aumentar o número de casos de afectados, sobre todo polo gromo no colexio Parga Pondal.

"Chamoume un responsable da Xunta para comunicarme isto e volvín dicirlle que a decisión que tomaron aquí en Oleiros non fora nada acertada, porque se hai un foco determinado como é neste caso o colexio terían que actuar sobre ese centro pero non pechar a hostalería e arruinar a centos de negocios, que ás portas dunha ponte volven levar outro pao tremendo, con mercadoría que van perder, persoas que van ter que ir ao paro...”, comentou esta mañá o alcalde Ángel García Seoane.

O Concello de Oleiros insistiu na importancia destas probas de detección de Covid e fixo un chamamento á participación de todas as persoas que sexan convocadas.