Asociacións de memoria histórica, colectivos veciñais e investigadores, poñen a andar a iniciativa Defende Meirás, coa que pretenden facer forza para que a Xunta “de maneira urxente” publique o anexo da declaración do pazo como Ben de Interese Cultural (BIC)de 2008, para que estén protexidos os bens mobles do interior das edificacións do recinto e os exteriores, e evitar que os descendentes do ditador Franco poidan levalos, entre eles a mesa na que escribía Emilia Pardo Bazán ou a súa biblioteca.

Esta publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) do anexo cos bens do pazo sería posible porque os bens xa están catalogados, só tería que facer a incoación do procedemento para ampliar a declaración BIC. O investigador Carlos Babío, voceiro desta iniciativa xunto con Manuel Pérez, sinalou que cando se fixo a declaración BIC do pazo déuselle a categoría de sitio histórico, e isto só pode entenderse cos bens exteriores e interiores, porque todo “explica o conxunto”.

Babío e Pérez son os voceiros de Defende Meirás, que está integrada por distintos colectivos con representantes que estiveron onte na presentación oficial na Casa de Cultura de Sada, entre eles a Fundación Luis Tilve ou a Fundación Galiza Sempre, ademais da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica de A Coruña e a Asociación Irmáns Suárez Picallo, representada polo exalcalde Abel López. Xunto a eles estivo o actual rexedor, Benito Portela.

Defende Meirás impulsa deste xeito unha campaña da sociedade civil para que a Xunta apure os trámites, ademais de pedir á cidadanía que o faga de forma individual descargando un formulario que deben asinar (no que se rexeita indemnizar aos Franco, impedir o espolio dos bens mobles e dedicar o pazo a honrar a memoria das vítimas). Pero xunto a esta iniciativa tamén organizaron outra, unha mobilización para 19 de xuño no pazo á que animan a acudir a todos os cidadáns.

“O urxente agora é protexer esos bens para non ver a foto que daría a volta ao mundo, os Franco levando todo, axeonllándonos de novo ante o franquismo”, indicou Carlos Babío. Neste intre na instancia xudicial está en suspenso a decisión para que poidan sacar os bens.A familia Franco ofreceu donar a biblioteca Emilia Pardo Bazán á Real Academia Española, cando a maior parte xa a posúe a Academia Galega, o que tanto Carlos Babío como Abel Soto calificaron de “provocación”.

“No fondo de todo a familia, co de donar a biblioteca de dona Emilia á Academia Española, está a facer un desprezo aos galegos. Esa é a cuestión, que por unha vez, dende a periferia do Estado, a sociedade civil cuestionou aos Franco, o pobo galego ten que estar orgulloso desta victoria, de que foi quen de sentar ao franquismo nun tribunal”, por primeira vez, algo que non conseguiu o Estado, subliñou Abel López. Tanto López como Babío destacaron o papel “exemplar” do Concello de Sada adiantándose a outras administracións en todos os pasos.

Alegacións polo inventario

O Concello, a Deputación e a Xunta xa presentaron no xulgado de A Coruña as alegacións contra a solicitude dos Franco de eliminar o inventario de bens mobles existentes no pazo. Tanto a Xunta como Patrimonio Nacional fixeron inventario. Nas alegacións sinalan que son documentos administrativos elaborados pola administración e pretender que non se poidan usar, considérano inxustificado e sen amparo legal.