Cando os veciños de Santa Cruz se xuntaron para organizar a primeira traída de auga ao pobo, ela era a única muller na reunión e a única que entrou na xestora. Cofundou una asociación veciñal para loitar contra a destrución do litoral oleirense pola especulación do ladrillo. Liderou con outras mulleres e homes, a loita para recuperar As Torres, inmoble en posesión da Sección Feminina da Falanxe, e transformalas primeiro en escola pública e logo en biblioteca e Centro de Documentación da Muller. Os primeiros libros mercáronse con fondos da comisión de festas de Santa Cruz, formada só por mulleres, con Pita á fronte. Implantou a Semana Cultural da localidade en 1984, que aínda hoxe se ven celebrando.

Impulsou con outros compañeiros a creación da asociación de veciños e xunto a Ángel García Seoane, puxo os alicerces de Alternativa dos Veciños, partido independente que máis de corenta anos despois segue a gobernar, sendo un caso único. Pita formou parte da primeira corporación democrática en Oleiros en 1979 e foi, xunto a Berta Tapia en A Coruña que estivo catro meses, a primeira alcaldesa da comarca (1996-2003). Esther Pita Pita faleceu en febreiro de 2019 e o Concello de Oleiros quere que, a título póstumo, a Xunta lle otorgue a Medalla Emilia Pardo Bazán que se concede a persoas ou colectivos que pola súa traxectoria ou labor, destacasen por “accións relevantes no ámbito da promoción da igualdade entre homes e mulleres”.

“Presentamos a candidatura de Esther Pita porque estivo á fronte de movementos veciñais para conseguir melloras polo pobo, estivo en todas as loitas e pelexou sobre todo pola educación, por ter escolas, pero tamén pola cultura, por dinamizar o concello, por mellorar a situación dos maiores, os temas de servizos sociais. Na dinamización social e cultural e na participación na vida pública foi unha pioneira. Foi tamén unha muller unha abandeirada do feminismo. Ela tiña unha frase que lembro que dicía sempre: Imos facer isto e imos sacar ás mulleres da casa. Quería que non estivesen só no rol de muller da casa, senon que participasen en todo como calquer home”, explica Belén Taboada, concelleira de Servizos Sociais, departamento que preparou o expediente para formular esta candidatura á medalla.

Pita, madriña na inauguración do campo do Santa Cruz en 1966. | // E.P. M. Villar

Pita, que en 1966 inaugurou o campo de fútbol do Santa Cruz en Os Regos rodeada de homes e con botas coma eles, como madriña, foi tamén empresaria, fixose cargo do negocio da familia, un estanco, ao enfermar a súa nai. Ata a súa morte, seguiu participando en toda a actividade social de Oleiros: en charlas nos colexios en actividades interxeracionais, dentro dos obradoiros de memoria, ou pasando horas de pé preparando os chourizos de Santaia para a festa, de receta segreda, xunto a outras veciñas e amigas.

“Nós cremos que Esther Pita entra de cheo no fin das medallas Emilia Pardo Bazán. Recompilamos toda a súa actividade social e política nos corenta e pico anos, dende que comezou no movemento veciñal. Todos temos anécdotas que lembramos dela. Eu teño moitas, descoñecidas. Algunha que deixa ver a súa incrible honradez. Como cando unha muller que ía morrer a chamou e lle dixo que deixaba no armario sesenta millóns de pesetas dunha venta que fixera. Ela chamou á Garda Civil para que levantasen acta e despois se lle entregou o diñeiro a un familiar”, contou o alcalde, Ángel García Seoane.

“Traballou desde unha perspectiva de igualdade, desde a participación cidadá. Foi unha persoa tansversal e polivalente, integradora e dinamizadora”, sinálase na proposta do Concello para que se lle otorgue a medalla.