Un intento de crime machista, un fidalgo que deixa unha herdanza millonaria cun testamenteiro que entra á rapiña a roubar no pazo antes de que se faga inventario, uns caseiros que cortan e venden a madeira coma se fose deles, un cura que quere tapar todo, abogados e administradores que intentan poñer orde e evitar pleitos. Sempre hai ocasión de botar en falla a Luis García Berlanga pero poucas tan pertinentes como cando se pescuda na orixe do pazo de Mariñán en Bergondo, que se a Deputación non estivera lixeira, non lle quedaba nada que herdar.

O organismo provincial acaba de liberar do seu arquivo histórico documentos como o testamento ou o inventario de bens (45 páxinas con 796 obxetos) que deixou o último propietario do pazo, Gerardo Bermúdez de Castro y Suárez de Deza. Entre cartos en metálico, valores, mobles, dereitos e accións, ao morrer tiña 639.417 pesetas da época.

O pazo de Mariñán foi na súa orixe no século XV unha construcción defensiva que mandou facer Gómez Pérez das Mariñas, nobre da corte de Juan II que participou nas guerras irmandiñas. Na segunda metade do século XVIII pasa a ser pazo, que herdan varios nobres liñaxes galegas ao longo dos anos (Ulloa, Traba, Altamira, Lemos, Osorio ou Sarmiento),ata chegar a mans de Gerardo Bermúdez de Castro, coñecido como señor de Láncara, que se dedicaba á boa vida en Madrid, entre o Casino e os toros según as crónicas xornalísticas, gracias ás rendas que percibía. Un dos seus antepasados, Luis de Pimentel, intentou asasinar á súa muller Inés de Ribadeneira no pazo.

O señor morreu en 1936 sen descendentes. Tiña irmáns pero deixou toda a herdanza a outros, nun compricado testamento. A unha muller de Madrid, Emilia (coñecida como Matilde) Tamayo Gutiérrez, déixalle os bens mobles de Mariñán e o usufructo vitalicio desta propiedade, que á súa morte debía pasar á “casa de Expósitos de La Coruña” (inclusa), que dependía da Deputación. Aos seus “queridos amigos” testamenteiros, José María Cuartero e José Valdés, légalles todo o que hai na casa da rúa Goya de Madrid (roupa, mobles, valores, xoias, obxectos de arte).

Un pazo de Mariñán berlanguiano: enganos, roubos, espolio, fuxidas e intento de asasinato

No testamento o señor de Láncara, ademais de dicir que quere que se lle faga a autopsia cando morra,engadiu uns plenos poderes aos seus testamenteiros para, textualmente “apoderarse, incautarse e administrar” todos os bens, reclamar e cobrar cantidades, valores, rendas, depósitos, contas correntes e asinar escrituras ,durante dous anos.

Cando morreu, antes de facerse o inventario, un dos testamenteiros, Valdés, xunto cunha irmán e un sobriño, van ao pazo de Mariñán e enchen tres maletas con obxetos de valor, sobre todo de prata, montan nun bote e atravesan a ría de Betanzos ata o apeadeiro de Paderne, e dalí por tren regresan a Madrid. Así o conta nunha carta ao presidente provincial Emilio Romay, un funcionario designado pola Deputación para administrar e vixiar este legado.

Este funcionario aínda quedou máis escandalizado cando ao ir facer inventario, identificar fincas e caseiros a Bergondo, viu que estes cortaran máis de vinte castiñeiros vellos e varios ameneiros, sen permiso, e venderan a madeira. Consegui recuperala sorteando tanto ameazas coma ofertas de “prevaricación”. Aínda quedou máis abraiado cando o párroco “esquecendo os textos da Sagrada Teoloxía”, tentou que non conseguise a devolución do roubado. Di tamén que a xente contaba que “todo o mundo fixera espoliación” da propiedade. Madeira, froitos. Os arrendatarios fixeron o posible para que o funcionario non identificase as terras da herdanza.

Unha carta dun abogado de Madrid ao presidente Emilio Romay revelou máis culebrón ata conseguir que a usufructuaria vitalicia do pazo vendese por fin, en 1939, ese dereito á Deputación: 73.085 pesetas en metálico e 12.000 pesetas ao ano (mil ao mes) de pensión. Tamén se chegou a acordo cos testamenteiros. Noutro documento o abogado de Madrid recoñécelle a Romay que o pazo de Mariñán tiña moito máis valor do que se lle dou en tasación, como defendía o abogado da usufructuaria: valorouse en 85.000 pesetas cando o real eran 234.000 pesetas. Ao final, o pazo pasou por fin a mans da Deputación, que en 1975 o reconstrúe e rehabilita. Hoxe acolle eventos e conta cun museo.