Que consecuencias económicas terá a saída de Culleredo?

Eu a solicitude de abandonar o Consorcio As Mariñas non a vin. Ademais, iso leva un ano, hai que solicitalo cun ano de antelación. E hai máis concellos que están facendo o mesmo, xa hai meses levan estudando a posibilidade de facelo solos, os máis grandes. Menos Oleiros.

Por que o resto si e Oleiros non?

Porque Oleiros quere o Consorcio para el. O Consorcio é unha agrupación voluntaria de municipios e debe ser de todos. Por moito que digan as leis ou interpretar as leis, o Consorcio é de todos, voluntario e democrático. Eu intentei e intentamos todos desde 2013 facer a mancomunidade de municipios para non ter que estar cinguidos ao que dicía Madrid con respecto aos consorcios, pero non foi posible, sempre houbo un concello que nunca quixo e puxo moitas chinas no camiño.

Por que as pon?

Non o sei. Iso a quen lle tes que preguntar probablemente sexa ao Concello de Oleiros. Denunciou a todo o mundo. Evidentemente, non é unha maneira de relacionarse. Temos que recoñecer o fracaso co Concello de Oleiros. Non fomos capaces. Non lle interesaba a mancomunidade ou poñía condicións que non lle aceptábamos os demais. Non é un problema de que Culleredo se queira ir, hai máis concellos. A min dáme a impresión de que o Consorcio, dada a situación, ten complicada a súa continuidade. Eu encantado de que puidéramos continuar mancomunados pero as relacións son as que son, os intereses partidistas son os que son e cada un lexitimamente ten todo o dereito do mundo a facer valer o seu partido, pero é unha asociación voluntaria de municipios e polo tanto deberíamos respectarnos todos e aceptar o que di a maioría.

Adoitaba ser así.

Durante moitos anos, sempre se fixo todo por consenso. Se algún nalgunhas ocasións, o Concello de Oleiros, fai anos, non quería votar a favor, deixábase sobre a mesa. Sempre era o mesmo, que conste. Chegou un momento en que as relacións se tensaron tanto... creo que son públicas e notorias as diferencias que hai entre algúns alcaldes do Consorcio. Haberá que buscar unha solución, tan pronto como algún concello solicite a separación convocarei un pleno e volverei dicir ao resto que que queren facer. Hai algún que nin si nin non nin todo o contrario.

Que posibles solucións hai se se desfai o Consorcio?

Hai xente que fala da área metropolitana, de entelequias que xa se falaron antes das eleccións municipais. É por dicir algo. Se non somos capaces de poñernos dacordo para un servizo que estaba establecido e funcionando e xeramos nós mesmos os problemas para un servizo solo, imaxínate poñese dacordo para unha área metropolitana, que é unha lei, que depende do Parlamento, da Xunta... É un engañabobos estar pensando que efectivamente imos crear unha área metropolitana Pensar iso a día de hoxe é tomarlle o pelo a todo o mundo. Non fai falta ser moi listo para darse conta de que é unha barbaridade. “Quero unha área metropolitana”: Anda, home, vai tomar polo saco! Estámonos tirando os trastos todos os días co servizo de lixo... Sería unha guerra total. Ata agora eramos un modelo a nivel estatal de consenso, e agora somos pequenos reinos de taifas e cada un anda ao seu menos eu que ando ao meu. Posibilidades? Conforme están as cousas é moi complicado. Eu no próximo pleno ou xuntanza vouno poñer enriba da mesa: “Señores, o que non podemos é estar así. Porque damos un espectáculo aberrante de cara á opinión pública e por interese xeral”. Aquí xa empeza a haber máis interses patidarios e particulares que o interese xeral. Nas democracias, e isto non é unha ditadura, non é un país totalitario, hai que aceptar o que democraticamente se di.

A democracia é respectar á maioría, pero tamén a lei, como reivindica o alcalde de Oleiros.

Aínda que Oleiros tivera razón, que se a ten xa lla darán, os demais non queremos, por iso queriamos montar unha mancomunidade. Non queremos adscribirnos e depender de ningún concello, nin de Oleiros nin doutro, non queremos. E mira que eu sempre tiven unha excelente relación persoal co alcalde de Oleiros. Pero non é una maneira moi boa demanter esa relación que se che presente unha denuncia polo penal. Espero que se arquive canto antes a denuncia e despois eu hei de tomar as medidas que anunciei.

Cales?

Díxeno a principios de ano.

Deixar o cargo?

Evidentemente. E máis concellos dixeron que, en canto se arquivara, íanse e deixaban todo.

As consecuencias económicas cales son?

É un problema porque hai un contrato en vigor, persoal, compromisos que a ver como pensan resolvelos. Eu sempre quixen manter o Consorcio enteiro, sempre, e sigo pensando o mesmo, pero eu non son Dios, oxalá fora Dios e puidera convencer a algunhas persoas que nin si nin non nin todo o contrario. Os intereses partidarios políticos dunha organización política parécenme moi ben, pero neste caso non poden primar por riba do interese xeral. Non me estraña que Culleredo queira marcharse, non me extraña.

No se arranxaría isto se se fixera a mancomunidade sen Oleiros, como se chegou a considerar?

Non era posible porque había algún concello que sen Oleiros non quería mancomunarse, como o caso de Sada. As razóns son bastante evidentes. Sada non quixo, naquel momento o de Carral si quería, pero o de Sada non, e non era cuestión de montalo entre seis. Consideráronse todas as solucións posibles, pero se non se quere aceptar o que di a maioría, é imposible. Iso é una opinión de todos os alcaldes, chantaxes non os queriamos. Se non quere Oleiros non podemos facer nada. Podíamos montalo sen el pero volvemos á mesma. Tensouse tanto a corda… a presidencia do Consorcio elíxese democraticamente e polo tanto non se pode dicir “pois eu quero ser porque quero ser”. Por certo que non é unha perita en dulce, non está remunerada nin sequera a asistencia. É dicir, nada. E aínda encima cunha denuncia polo penal. Eu sempre o fixen co animo de buscar o interese xeral.

A agrupación de municipios actual dámola por morta, entón?

Eu nunca din por morto nada.

Se tivera que apostar a que vai pasar, que diría?

É complicado porque unha cousa é a vontade... Probablemente nestes momentos, salvo algúns concellos, como Bergondo e Betanzos, que seguen tendo unha vontade de mancomunar servizos, e Abegondo... se hai xente que non quere é imposible. Aquí cada concello ten autonomía para participar ou non, pero non por imposición. E aínda que haxa que respectar a lei, se non nos gusta o que hai, teremos que cambialo. Foi evidente na asemblea que fixemos na Universidade, todos votamos a favor menos unha organización política, que non.

Non me di a aposta. Vaise desfacer todo?

A miña aposta é que volvamos outra vez ao consenso e cheguemos a un consenso entre todos.

Pero iso é posible?

A día de hoxe, non creo.

Enton cal é a aposta? Non o soño, a aposta.

Non o sei. O problema ten tan difícil solución... Porque hai uns compromisos, bens, cartos nos bancos, persoal sobre todo, que iso... xogar coa xente a min paréceme unha tomadura de pelo. Hai xente que está traballando na concesión en nos servizos administrativos. Que vai pasar con esa xente, quen se vai encargar dela, como se vai repartir? Ten tan dificilísima solución que a min pensar a día de hoxe que se vai desfacer me parece unha utopía. Ten prácticamente imposible solución. Oxalá se puidera disolver e cada un para a súa casa. Pero a pregunta é: Podemos?

Poden?

Eu consulteino e, salvo que haxa vontade... Se hai vontade si, pódese resolver de 20.000 maneiras, pero con denuncias polo medio é imposible, non hai. Algún concello sabe que é moi difícil e por iso quere presionar para que nos sometamos á súa consideración.

Logo toca seguir lidando coa tensión? Ou vanse ir un a un?

Que vamos deixar todos o Consorcio a Oleiros? Iso é imposible. Non se vai encargar de todas as concesións. É unha entelequia, unha utopía. A día de hoxe o Consorcio, levándose ben, sería estupendo, se poderían negociar moitas cousas, mellorar servizos... Pero cada un por libre non imos conseguir nada. A unión é a que fai a forza. Non sei por que razón, debeu de entrar así un aire do norte frío, ou un meigallo máis ben. En xeral, e ao mellor a algún máis que a outros.A ver, Oleiros, cuidadito, caeulle un marrón, ter que estar adscritos e levar a contabilidade e presentar os orzamentos. Dámoslle o traballo feito pero non deixa de ser un marrón. Bueno, e Arteixo marchou porque Oleiros quería ser o de máis entidade, e por cartos eu non sei se non sería Arteixo.

Calvelo marchou por iso?

Non, ho, non! Todo son celos, querida amiga. Deberías darte conta.

Celos de que?

Son celos, de “eu quero ser máis, eu quero ser máis”.

Ten a esperanza de que Culleredo non marche?

Eu coñezo a Culleredo e ao seu alcalde e ten unha vocación de consenso e de mancomunarse grandísima, pero as circunstancias son as que son e creo que se sinte obrigado a tomar esa decisión si non se quere someter a quen quere someternos.