"Só hai que poñer unha tertulia na televisión e ver como se falan os políticos. Os rapaces non teñen referentes adecuados no manexo de conflitos", asegura a educadora social Naiara González, que imparte sesións sobre comunicación asertiva e xestión emocional aos alumnos de primeiro e segundo curso de ESO do instituto de Carral. A formación ofrecerá aos estudantes ferramentas para unha mellor xestión e consciencia emocional e unha comunicación asertiva. Servirá, ao tempo, para que os alumnos observen outro tipo de referentes. "Hai rapaces aos que lles costa menos e se interesan máis e outros aos que lles resulta máis difícil ou a postura non lles encaixa porque as formas de resolución de conflitos que venden os medios de comunicación ou que vemos en persoas adultas non son asertivas, son evitativas ou agresivas. Entón, ás veces, que che veñan contar que utilices a palabra para resolver e ves que non é o que se fai habitualmente, costa", explica Naiara González.

"A idea é aportar unha mirada máis ampla, máis consciente dos conflitos, presentalos como unha oportunidade de aprendizaxe e autocoñecemento. E observar que estilos de afrontamento teñen os rapaces e despois ofrecerlles algunhas ferramentas para ter outra respostas ante os conflitos", precisa a educadora social. Estas sesións, impulsadas polo Concello, concretáronse "a raíz de conversas con Orientación, nas que detectamos que se necesitaba, que era importante, a xestión de conflitos", agora que os rapaces, "en idades nas que é moi importante a socialización entre iguais", acusan os efectos da pandemia. Estas sesións chegan tras o programa de acompañamento emocional Aulas con corazón, desenvolvido coa comunidade educativa para traballar as competencias emocionais nestes últimos meses, marcados pola crise sanitaria e as súas consecuencias para a vida diaria, tanto no laboral e educativo como familiar.