“Antes había máis que agora”, di o presidente do Grupo Naturalista Hábitat, Ricardo Ferreiro. É unha expresión que non só se lle aplica ás píntegas senón tamén a outras moitas especies. Para falar delas, do descoñecidas que son e da súa valía, e tamén da iniciativa da especie do ano 2021 na Reserva, o centro social A Rúa, en Miño, acollerá unha xornada formativa, o 4 de setembro, promovida pola Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo, na que participarán expertos nas píntegas Salamandra salamandra de Galicia.

Estas charlas son gratuítas, aínda que os interesados deberán inscribirse a través do formulario que o Grupo Naturalista Hábitat ten dispoñible na súa web (www.gnhabitat.org). A xornada comezará ás 09.25 horas e rematará ás 14.30, logo de repasar varios aspectos desta especie que, segundo Ferreiro, resulta descoñecida, mais moi interesante.

“As píntegas están moi vinculadas ás lendas da nosa cultura, e cando digo a nosa cultura refírome á indoeuropea e tamén á galega especialmente; son moi interesantes porque o das píntegas é un organismo modelo, e estanse a investigar cuestións relacionadas coa xenética, polo fluxo de xenes e, incluso, en biomedicina, porque estes animais teñen a capacidade de rexenerar membros. Estase a estudar se poden contribuír a mellorar o tratamento ou incluso prover desa capacidade de rexeneración a doentes con amputacións traumáticas... Teñen moitas facetas”, relata Ferreiro, que apunta a que as píntegas, para quen non as coñeza, son anfibios negros con pintas amarelas, aínda que haxa algunha subespecie que ten marcas vermellas.

Son animais, a diferencia doutros anfibios, como poden ser as pintafontes verdes, “moi terrestres” aínda que precisan da auga para a súa reprodución. “Son tan terrestres que son moi torpes na auga. Válelles unha pequena charca nunha cuneta ou nunha pista forestal para depositar as súas larvas”comenta Ferreiro e engade que existen “algunhas poboacións extraordinarias” que xa non teñen nin esa fase acuática e que “son xa plenamente terrestres”. Ferreiro apunta a que aínda cómpre estudalas máis para coñecer as súas características.

“A pesar das lendas, da fama e das falsas crenzas sobre a especie e o seu efecto daniño, non é así, podemos coller e ver as píntegas e non nos van transmitir o aire de morto do que tanto se falaba. Non é tan importante a acción directa do encontro cos humanos o que fai que haxa menos”, relata Ferreiro, xa que moita xente pensa que se atopa unha píntega na súa leira, o mellor que pode facer é cortarlle a cabeza. “O que é importante é que os medios, os hábitats máis favorables, como son os soutos ou as carballeiras, están a desaparecer”, comenta o presidente de Hábitat que, ademais, é experto en herpetoloxía. Están a desaparecer tamén os “mosaicos” en favor das matogueiras, que son menos axeitadas para este anfibio e para moitos outros, xa que a presenza das píntegas é unha mostra da boa saúde do hábitat no que se atopa. “Cando atopamos menos píntegas xa sabemos que está a pasar algo”, comenta Ferreiro. Polo de agora, considera que é necesario aprender máis delas porque son quen de recompoñerse, de xerar músculo e tecido nervioso, logo dunha amputación. “Está a biomedicina investigando como se pode trasladar esa capacidade ao ser humano”, conclúe Ferreiro.