Temos, administracións e cidadanía, que construir o futuro da área metropolitana sobre algúns piares fundamentais: acadar unha mobilidade sostible; mellorar o sistema da reciclaxe, avaliar unha estratexia enerxética entre os diferentes concellos, mellorar o ciclo integral da auga...

No referido á mobilidade sostible debemos ser quen de acadar unha redución da circulación dos vehículos privados e avanzarmos na mellora da accesibilidade. É necesario cambiar o modelo de centralidade por un modelo de rede que facilite o consumo no comercio de cercanía, cunha unha mellor optimización do transporte colectivo que fomente a igualdade no acceso ao emprego.

Por outra banda, temos que mellorar, desde o traballo colectivo e a colaboración administrativa, o sistema de reciclaxe; é fundamental percebermos o lixo como un recurso e implementarmos modelos de reutilización.

Necesaria é tamén unha optimización da obtención e xestión do subministro enerxético. Debemos explorar a posibilidade de trazar unha estratexia enerxética conxunta entre os diferentes concellos que derive nun subministro máis estable e nunha mellora das condicións do servizo e das necesidades dos consumidores máis vulnerables.

O ciclo integral da auga é fundamental para o futuro. A auga é un recurso básico escaso e desde as administración debemos garantir o acceso ao mesmo, incentivar o consumo responsable e mellorar o tratamento das augas residuais. Deste xeito poñerase en valor o medio natural e poderemos conservar os ecosistemas fluviais e mariños.

Primera visita en Meirás tras la recepción de llaves. | // CARLOS PARDELLAS Benito Portela Alcalde de Sada

É importante reflexionar sobre as inundacións que están a sufrir en varias partes do mundo, e que nos temos sufrido tamén, pola falta de ordenación das zonas inundables. A auga pide paso. Os ríos están a perder unha parte importante do espazo que dispuñan para absorber as crecidas como consecuencia da ocupación das súas marxes. É preciso reverter o urbanismo que se viña practicando implantando zonas de drenaxe en áreas sensibles.

Co PXOM en vigor e coa pronta aprobación do PMUS, plan de conservación de As Brañas e plan de ordenación do bordo litoral, dotarémonos das ferramentas precisas para crecer de forma ordenada, preservando os espazos naturais, reservando futuros equipamentos, na oferta de vivenda protexida e na procura de solo industrial e outorgando seguridade legal e xurídica ao noso Concello.

A posta en valor de As Brañas é fundamental, protexer este humidal reverterá positivamente a nivel medioambiental e pasará a ser un importante referente turístico dentro da Reserva da Biosfera.

Resulta do todo perentoria a elaboración do plan director para a restauración do edificio de A Terraza, o ministerio debe resolver a situación legal do inmoble, non podemos permitir durante máis tempo o deterioro deste edificio senlleiro e símbolo do noso pobo.

No referido ao Pazo de Meirás, símbolo da memoria democrática, a loita do Concello de Sada continuará sendo algo do que nos debemos de sentir moi orgullosos como pobo: poñer a disposición da xente un sitio histórico, conseguindo a primeira sentenza favorable ao interese público que perden os herdeiros do ditador, un logro que a propia historia dimensionará na súa xusta medida.

Dous BIC no noso concello xunto co museo Carlos Maside, o soño de Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo, lugares de referencia da cultura galega, que debemos poñer en valor, divulgar e democratizar o acceso da cidadanía á cultura.

A crise sanitaria do COVID-19 veu a poñer de manifesto o fundamental que son os servizos sociais básicos para afrontar un futuro, cun maior benestar e menor desigualdade. O investimento público nesta área ten que seguir medrando, sendo un obxectivo prioritario.

Non podía finalizar sen indicar que Sada necesita con urxencia un centro de saúde moderno e accesíbel, asumimos o compromiso de poñer a disposición do Sergas a parcela de equipamento recollida no PXOM.