As Casas da Mocidade de Oleiros (situadas na Casa das Pedras de Montrove en Portaberta en Santa Cruz) organizan unha charla pola celebración hoxe do Día de Acción Global por un Aborto Legal e Seguro, unha data que se festexa dende 1990 por impulso de entidades feministas. O obxectivo é instar aos gobernos a legalizar a interrupción voluntaria do embarazo e non criminalizar á muller.

Os mozos de Oleiros farán un directo ás sete da tarde con Mari Fidalgo da Rede Feminista Galega para falar do marco xeral de dereitos sexuais e reprodutivos, da regulación do aborto en España, en que consiste unha interrupción voluntaria de embarazo e como se accede a estas intervencións, entre outros temas.