As imaxes que veñen á cabeza ao falar do Concello de Oleiros poden ser praias, chalés, xardíns ou noticias sobre municipios máis ricos de España. Pero parte importante das raíces deste territorio é o barro, que deu orixe a varias telleiras: a máis coñecida, en Mera, da que hoxe se conserva a cheminea; a de Santa Cruz, da que só queda algunha fotografía; e as que se montaron seguindo o curso do río de A Gándara, entre Oleiros e Cambre, ata cinco. Hoxe ese pasado de barro lémbrase co Museo Os Oleiros, un recinto con máis de 5.000 pezas de oleiría de toda España que non deixa de organizar actividades de promoción desta artesanía; coa feira Alfaroleiros cada verán; e cos obradoiros de memoria que organiza a Concellería de Servizos Sociais, nos que os maiores que traballaron con esta materia prima lembran o oficio e ata llo explican aos escolares.

“Non só os grandes homes e as obras importantes merecen ser recordados. Tamén o traballo diario, o facer silencioso (...). Por esta razón recollemos, antes de que a memoria esqueza, o testemuño dunha obra noutrora importante, hoxe morta (...)”. Así describe este oficio extinguido a profesora Adela Leiro, xunto a Xosé Ramón Daporta e Saúl Otero no traballo sobre esta artesanía na zona de Pontevedra: As telleiras (cabaqueiros).

Ana Justo no museo cun formal dunha telleira de Nós e detrás o cadro de Rioboo. | // FRAN MARTÍNEZ M. Villar

“No traballo que fixemos cos maiores dos obradoiros Nós puidemos localizar cinco telleiras só por Nós, arredor de A Gándara. A de Monte, tamén chamada Anduriña, no monte das Folgueiras; a de Pedro, que estaba ao lado, máis na beira da carretera AC-221; a de Anselmo, ao outro lado, no lugar de O Pastel, e que ao parecer aínda conserva un forno, aínda que derrubado; a do Xampán; e a de Joaquín Rioboo”, explica Élida Rodríguez, coordinadora dos obradoiros do Concello.

A telleira de Rioboo, en Pravio (Cambre), comezou tamén modesta, facendo tella á man, pero despois creceu e ampliou, tecnificouse, pasou a facer só ladrillos e pechou aínda hai poucos anos, coa crise económica de 2008 (o complexo e o terreo está á venda). Da telleira de Xampán (case frente ao cruce da Chavasqueira) aínda hoxe se poden ver as paredes, aínda que cubertas de maleza. Todas estas fábricas estaban arredor do que hoxe é o humidal de A Gándara, onde atravesa a vía ártabra.

Restos da telleira de Xampán. |  //I.R.

Restos da telleira de Xampán. | //I.R. M. Villar

Aparte destas telleiras entre Nós e Cambre houbo outra menos coñecida, en Santa Cruz, curiosamente detrás de onde hoxe está o Museo Os Oleiros. “Era a telleira de Antonio Garrido, da que temos unha fotografía no museo que doou a familia. As tres casas que se ven aínda existen hoxe. É unha imaxe dos anos vinte, a telleira pechou na década dos anos trinta, cando o fixeron moitas. No 34-35 aínda temos constancia de que pagaba impostos como telleira. A de Mera continuou máis anos e por iso hai máis lembranza dela. Na foto vense mozas traballando, algo raro entón, levando o material xa cocido dende a telleira ata o porto de Santa Cruz para embarcalo”, explica Ana Justo, técnica do Museo Os Oleiros.

Neste recinto poden verse dous formais, pezas para dar forma ás tellas curvas, que usaban os telleiros nos anos nos que este traballo era todo manual. “Son da telleira de Rioboo, que os doou ao museo. Son máis modernos, xa cunha garda. Temos tamén unha tella que sabemos que é de Nós e daquela época pero non de que telleira”, engade Justo. Os descendentes dos Rioboo ademais de doar estas pezas legaron un cadro de cinco metros de longo do oleirense Luis González Taboada, que retratou como se traballaba na telleira tradicional no século pasado.

A telleira máis coñecida de Oleiros é a que estivo en Mera. Unha familia da zona de A Guarda en Pontevedra (de onde saíron tantos telleiros), os Cividanes, viñeron a Oleiros e montaron unha xunto a unha zona de braña, asociados con Luis Iglesias Labarta. Facían sobre todo ladrillo, co nome de Santa Ana. Poucos anos despois Cividanes marchou a Arxentina e quedou Labarta como dono, xa con ladrillos que levaban o nome de Labarta, e que ampliou as instalacións.

Era unha fábrica grande cunha alta cheminea que hoxe se conserva, restaurada polo Concello. Tiña fornos de carbón e vagonetas que levaban o barro de onde hoxe está a lagoa ata a fábrica. Dou traballo a moitos veciños da localidade, tamén mulleres, empregadas para cortar as tellas e os ladrillos que despois os homes metían nos fornos. As pezas, unha vez cocidas, levábanas en carros á praia de Santa Ana onde as cargaban en barcos. Tamén as mulleres facían este traballo, subir a mercancía ata os galeóns.

Parte de Cerámicas Rioboo. |   // I.R.

Parte de Cerámicas Rioboo. | // I.R. M. Villar

O barro despois esgotouse. “As miñas tías avoas foron as que levaron despois a fábrica, sobre todo Eumelia, que era a que levaba as contas e a dirección, e as súas irmáns. Eumelia tivo a idea de facer cabezas de bonecas co barro e o corpo facíano con tea,facíanlles vestidos”, lembra Rosa Molinelli, bisneta dos fundadores da telleira de Mera, que chegou a ser unha das máis importantes de toda a comarca ata o seu peche nos anos cincuenta. Algunhas desas cabezas de boneca, que se vendían na zona, doáronse ao museo, onde se poden ver.

En Oleiros non só había fábricas de tella, tamén de cerámica, de louza. O investigador Antonio Meijide Pardo e a profesora Susana González documentaron que a primera fábrica de louza fina de Galicia (en 1799), catro antes da de Sargadelos, abriuse na parroquia de Dorneda, preto do castro de Xaz, polo inglés Thomas Price (na zona hai unha rúa que leva o seu nome). Non queda ningún resto dela, só lembranzas dos veciños de ter xogado con anacos crebados de cerámica branca cun debuxo azul.

Nas telleiras, segundo Ana Justo, traballaban nenos en labores coma cociñeiros, recadeiros, pinches. Traballar nese oficio era moi duro, era labor dende que saía o sol ata que se poñía, mollados para sacar e amasar, e cocidos ao meter as pezas e sacalas do forno.

Os que traballaron nas telleiras teñen recordos do traballo difícil pero traballo, remunerado. Pero tamén houbo casos nos que se empregaron nenos, aproveitándose da pobreza dos pais, enganando para ter traballo escravo, experiencias de moitos rapaces de Galicia e doutras rexións, que non soen contarse, sobre todo por vergoña. E por iso a testemuña dun deles, Valentín Revella, é tan valiosa, pola xenerosidade e a valentía de compartila.