Xabier Maceiras é un veciño do pequeno núcleo de O Rañal, en Arteixo, que se autodefine como un “traballador da memoria”. Acumula anos de loita para recuperar a historia do seu concello máis alá da multinacional Inditex e as grandes empresas que se asentan no polígono de Sabón. Para iso iniciou a publicación dun blog, Crónicas de Arteixo, no ano 2014 e desde entón publica diversas historias das parroquias, noticias de hemeroteca, lugares destacados e moitos outros relatos que teñan que ver co municipio. Agora quere ir máis alá e dar o salto cara o concello veciño e “irmán”, tal e como o define Maceiras, de A Laracha. Cal é a razón que o levou a iniciar este proxecto? “Teño a necesidade de manter o contacto con Bergantiños”, responde sobre o motivo que o levou a meterse nesta aventura.

Co paso dos anos, Arteixo non parou de medrar en número de habitantes e de transformarse pouco a pouco nunha pequena cidade. Faino ao carón de A Coruña. O baixo prezo da vivenda e as boas comunicacións que ten, tanto por estrada como por transporte público, provocou que chegase moita xente da cidade e de fóra. Maceiras explica que ante esta situación quere que o concello non perda esa conexión coa comarca de Bergantiños, coa que el mesmo tivo relación. Con esta publicación, cuxo título será Crónicas da Laracha, pretende aportar o seu “grao de area” para “axudar a recuperar o patrimonio” do municipio.

A orixe deste proxecto está no blog de Crónicas de Arteixo. Este historiador explica que ao revisar hemerotecas, realizar pequenas investigacións e falar coa xente atopou tamén informacións do concello larachés. De feito, segundo relata, hai zonas de Arteixo que manteñen unha relación moi importante co municipio veciño. Refírese a lugares como Larín, A Esquipa ou A Cachada, onde os seus residentes fan máis vida en Paiosaco que no seu propio concello, xa que este núcleo urbano larachés queda máis próximo. Estas zonas rurais atópanse na fronteira administrativa entre os dous municipios.

O novo proxecto de Xabier Maceiras sairá á luz o próximo luns, 18 de outubro. A data non é casual, xa que fixo que coincidira co santo de San Lucas, segundo desvela Maceiras. O primeiro artigo que publicará tratará sobre unha capela situada na parroquia de Cabovilaño que está dedicada ao San Lucas. Ademais, quere que a posta en marcha do novo blog coincida no tempo coa publicación número 500 da súa web arteixá.

A idea deste historiador co seu novo blog é “darlle valor” as parroquias e “saír da vila”. Para elo, asegura que terá que “falar coa xente e patear” o territorio larachés. Sobre o motivo que lle leva a prestar máis atención a zona rural, Maceiras explica que sinte “un cariño especial polas parroquias” e quere saír “do centro do municipio”. O que si quere deixar claro Xabier Maceiras é que as dúas iniciativas seguirán en marcha ao mesmo tempo e que esta aventura larachesa non suporá paralizar a publicación arteixá.

O fútbol arteixá e larachés, o antecedente

O historiador Xabier Maceiras xa elaborou durante os últimos anos un traballo no que abordou os dous concellos. Presentou o pasado verán o seu último libro, 100 anos de fútbol en Arteixo e A Laracha nun acto celebrado no campo de A Porta Santa de Paiosaco. A presentación estivo conducida polo xornalista larachés Moncho Viña e contou coa presenza do propio autor, dos alcaldes de A Laracha e Arteixo, José Manuel López Varela e Carlos Calvelo.

Nesta obra, Maceiras aborda a historia dos equipos de fútbol que existen e existiron nos dous concellos e algunhas historia curiosas que tiñan relación con este deporte de tanta popularidade. A estancia da selección española e do Real madrid no Balneario de Arteixo e a traxectoria de Arsenio Iglesias son algúns dos relatos que aparecen recollidas neste libro.