A historia ábrese paso a pinceladas na Ponte. A fachada dunha vivenda deste recuncho sadense próximo á desembocadura do río, a carón da praia na que se descargaba o patexo, loce xa o mural de Yoseba MP que reivindica o labor das mulleres do mar. Os visitantes ven soamente a cinco mulleres e unha nena que miran fixamente á cámara. A típica postal mariñeira en branco e negro. Os sadenses ven máis aló. Aí están, sorrintes na Ribeira, coas súas cestas e patelas , Modesta Pena, Esperanza Sanduence, Gelita López, Maruja Vales, Mariflor Gómez e Esperancita.

Yoseba MP finaliza o mural da rúa da Ponte que homenaxea ás mulleres do mar de Sada

A identidade da muller sentada de costas xera “polémica”, contan risoños uns veciños que seguen con atención os traballos do artista ao pé do andamio. O certo é que entre os grupos de curiosos que se formaron onte ao mediodía na praza non había consenso.

--Din que é a nai de Chono.

-Que va! É Toñita, a irmá de Gelita; axudáballes moito no río.

Mariflor e.ao fondo, o seu retrato.

Mariflor e.ao fondo, o seu retrato. Antares Pérez

A creación deste mural dentro da programación do Festival Mar de Mares propiciou un concorrido e espontáneo exercicio de recuperación da memoria histórica a pé de rúa. “Era a vida de antes, aquí todo o mundo vivía do peixe e do patexo”, lembra un veciño.

Das mulleres adultas que saúdan sorrintes aos viandantes desde a fachada desta céntrica casa soamente segue viva Mariflor. “É a miña nai”, conta José, orgulloso, mentres sinala á muller do vestido branco: “Aquí era moi nova, agora ten 86 anos”.

“Segue igual, recoñécela ao momento, é desa xente superelegante que vai cos ombreiros para atrás, con moito porte”, terza Joseba Muruzábal, un artista cunha sensibilidade especial para retratar e reivindicar ás mulleres do rural, autor da icónica serie Fenómenos del rural, esas superavoas do mandil a cadros que sacan as cores ás fachadas de toda Galicia.

A súa descripción dá no cravo. Mariflor non precisa presentacións. Esta veciña de Sada nacida na rúa da Obra conserva a mesma prestancia, o mesmo aceno e a mesma mirada da moza en branco e negro xunto á que posa emocionada.

Yoseba MP amosa a fotografía na que inspirouse para realizar o mural da rúa da Ponte.

-“Tiña 18 anos e a vida non tiña nada que ver coa de agora, non había merendas para os fillos. Íamos descalzas a Betanzos a vender o peixe, descalciñas pola vía do tren, cos cestos na cabeza, sen aguantalos, eh! Os traballos que pasamos...”, conta.

-Así era a vida, unha escravitude enorme, terza una vecina.

Mariflor asinte e mira o mural. “Eu son da rúa da Obra, nacín aquí, despois caseime e funme para Fontán. Éramos todas veciñas, íbamos limpar o peixe e os pateiros”, conta. A seu redor non tarda en formarse un corrillo. A historia non só cautiva aos nativos. “Podo facerlle unha foto?”, pídelle unha turista de México.

Foron moitos os veciños que onte ficaron mudos ante un mural que reivindica o duro traballo das mulleres do mar. De Mariflor, Gelita ( “á nai de Lito, o do Moby Dick”), Modesta, “a avoa do concelleiro Fernando Fariña”)...“Eu acabo de volver, levo trinta anos fóra, estiven moitos anos en Inglaterra, Esperancita [a nena] era moi amiga miña, agora vive en Santa Cruz. E ésa é a súa nai, Esperanza, a que leva o caldeiro, o seu marido tiña un estaleiro”, lembra Marilina.

Vecinos de Sada observan los trabajos de elaboración del mural

Mariucha, a dona da casa, tamén lembra a todas ás mulleres retratadas no mural. Ela é neta dos antigos propietarios de Balbina, o último barco patexeiro de Sada, agora patrimonio municipal. Render tributo ao pasado mariñeiro da Ponte foi o que a convenceu para facer da súa fachada, un lenzo: “Se fose para lembrar aos da Tenencia sería outra cousa”, chancea esta veciña.