A presentación do mural homenaxe ás mulleres do mar deu pé onte a un multitudinario encontro na Ponte, un barrio que ten un motivo máis para presumir do seu pasado mariñeiro.Parentes e achegados das retratadas, esas seis bravas mulleres do mar, posaron nunha foto de familia que moi probablemente adquirirá cos anos o mesmo valor icónico que aquela tomada en 1953 que inspirou a intervenención artística de Yoseba MP.

A elaboración deste hiperrealista mural forma parte dos actos do festival Mar de Mares, que financia o GALP Golfo Ártabro Sur e no que participa o Concello de Sada. Os organizadores do festival, membros do GALP e responsables do Concello participaron onte nun emotivo acto para render tributo ao duro, sacrificado e con frecuencia invisibiliazado traballo das mulleres do mar.

O mural representa a Toñita López, Modesta Pena, Esperanza Sanduence, Gelita López, Maruja Vales e Mariflor Gómez, pero tamén homenaxea a outras, como a Carmen Navarro, máis coñecida como Carmen da Ronda, e a outras tantas pescantinas de Sada. “A miña nai era como elas. Traballaba na descarga nos peiraos, ía á praza, despois chegaba a casa, facía a comida, atendía aos fillos, ao home... Sempre cargada dun lado para outro. Coas calamidades que pasaron e sempre co sorriso na boca. Son os piares de Sada, se somos algo é grazas a esta xente”, conta Manolo Presas, fillo de Carmen da Ronda, quinta xeración dunha familia de mariñeiros, orgulloso das súas raíces na Ponte e do seu oficio. “A min póñenseme os pelos de punta, estou superemocionada”, confesa Almudena, neta de Gelita, que posa xunto ao retrato da súa avoa, sorrinte co caldeiro nas mans

Mariflor Gómez, a única das pescantinas retratadas que segue viva, foi a primeira en posar xunto ao mural. Orgullosa e riseira ante aquela moza vestida de branco que devólvelle a saúdo desde ese pretérito mariñeiro, eses anos, que “non son os da agora”, nos que “non había merendas para os fillos”, uns tempos que non quere que volvan por nada do mundo. Na homenaxe están tamén os descendentes de Modesta Pena e de Maruja Vales, que foi inmortalizada semiagochada, coa patela nans mans, ái na Ribeira, moi preto de onde posaron onte orgullosos os seus fillos, netos e bisnetos.

Nesa foto de familia non podía faltar Yoseba MP, un artista cambrés, afincado en Santiago, uns dos máximos expoñentes da arte urbano en Galicia. El capta coma ninguén os poderes ocultos das mulleres do rural e nesta ocasión optou polo realismo para render homenaxe as bravas pescantinas de Sada.