Os bares, a carnicería, o quiosco de prensa, a lavandería, o supermercado, a ferraxería, a tenda de penso, a clínica de fisioterapia. Cada día aparecen máis negocios en Mera, pero tamén en localidades de Dorneda e Dexo, cuns carteis pegados nos escaparates cun fondo violeta e unhas mensaxes coma Dámoslle as costas á violencia; Como avanzar na Historia se non avanzamos no respecto? ou As diferencias únnenos. Os debuxos e os lemas foron feitos e acordados entre todo o alumnado co colexio Luis Seoane de Canide, participaron dos 3 ata os 12 anos nesta iniciativa polo Día contra a Violencia sobre a muller que se conmemora hoxe.

Un dos carteis da iniciativa de Boas Prácticas do colexio. | // L.O.

“Todos os anos faciamos unha iniciativa polo 25 de novembro, un discurso que os nenos lían á toda a comunidade escolar. Agora, como polo COVID non podemos xuntarnos, xurdiu esta idea de facer os carteis. Fumos polos negocios da localidade de Mera, de onde son a maioría dos alumnos e alumnas, e tivo moi boa acollida. Queriamos que este traballo que fixeron se abrise a todo o pobo, facelo visible”, sinala a profesora Ana Pérez, integrante do equipo de Boas Prácticas do colexio.

Un dos carteis da iniciativa de Boas Prácticas do colexio. | // L.O.

“O traballo fixérono todo os nenos, coa coordinación do equipo de Boas Prácticas e tamén o departamento de Orientación. En total son 16 carteis con diferentes mensaxes, con debuxos e fotografías deles. Entre as mensaxes, algunha delas é boísima”, sinala Loli, directora do Luis Seoane.

Fátima Lema, cos carteis no escaparate da súa clínica. | // L.O.

“Encántame esta iniciativa. Todos os anos poño algo no escaparate polo 25-N, normalmente un cartel da Xunta, pero este ano cando viñeron a propoñermo pareceume xenial, e está tendo moi boa acollida, a xente para na beirarrúa a mirar os carteis e falan deles”, conta Fátima Lema, da clínica de fisioterapia que colocou ata dous carteis na fachada do seu baixo. “Está moi ben, o debuxo é precioso”, din dende a carnicería, que ten posto o espectacular cartel da muller embarazada.

O colexio Luis Seoane de Canide xa ten bagaxe no seu bo facer escolar. No 2020 gañou o Premio de Boas Prácticas de Educación Inclusiva da Xunta na categoría de Infantil e Primaria por un proxecto integral que inclúe a formación de alumnos maiores de quinto e sexto de Primaria para facer de mediadores en conflitos entre os propios compañeiros; a creación dun equipo que recibe e saúda cando chegan o alumnado pola mañá; dinamizacións nos recreos ou coidado das árbores do recinto escolar.

O centro Luis Seoane recibiu como premio 5.000 euros neste certame, que xa reinvestiu no propio colexio, estreando un escenario de madeira nun dos patios entre outras cousas. Nas aulas tamén se puxeron algúns dos carteis, a tamaño mural, e nunha parede do recinto escolar tamén foi decorada cun pote ao lume e a pócema segreda contra a violencia: un kilo de amor, tres litros de tolerancia...