“Eu de Mimina destacaría o que significou para as mulleres. A maioría nas fábricas eran mulleres e ela ensináballes o oficio e levaban un soldo para casa que lles axudou á súa independencia, á súa autonomía. Naquel tempo iso era moi importante. Era desas persoas que cambian a sociedade e así o mundo. Isaac Díaz Pardo non podería ter feito a metade das cousas que fixo senón fora por ela”, asegura María Ripoll sobre Carmen Arias de Castro Montero, a que foi muller do artista e intelectual Isaac Díaz Pardo, máis coñecida como Mimina, da que este ano se cumpre o centenario do seu nacemento.

Público, onte, ante os paneis que amosan a traxectoria de Carmen Arias, Mimina. | // VÍCTOR ECHAVE

Con este motivo o Concello de Sada promoveu unha exposición que se inaugurou onte na capela de San Roque na que se repasa a traxectoria desta muller que tivo un papel chave na posta en marcha de Cerámicas O Castro e Sargadelos, e que deseñou pezas emblemáticas, deseños icónicos que aínda hoxe se venden. O público verá pezas nunca expostas ata agora e abraiarase coa creatividade e a calidade artística de Carmen Arias. Expóñense tapices, xogos de café e vaixelas de porcelana decoradas e deseñadas por ela, unhas fermosísimas medallas, acuarelas tan delicadas coma a dunha muller con pano ou a dun dos seus fillos de pequeno ou as famosas Placas María . E once paneis con textos e debuxos que recorren a súa traxectoria vital.

Vista xeral da inauguración onte na capela de San Roque. | // V. ECHAVE

“A figura de Mimina quedou un pouco eclipsada por Isaac, foi unha muller na sombra, pero foi fundamental, sen ela o universo de Sargadelos tería sido... outra cousa. Ela viviu dedicada ao proxecto del e a súa propia obra como artista quedou relegada. Era unha muller moi moderna. Esas medallas que están expostas aínda seguen comercializándose hoxe, é un dos deseños máis emblemáticas, o AB1, de tons verdes e azuis. Foi unha muller incrible, chea de cor, fixo un universo de xoiería de porcelana pioneiro en España. Queriamos dar a coñecer todo isto”, contou Cecilia Díaz Betz, fotógrafa, editora gráfica, neta de Mimina e Isaac e unha das comisarias da exposición.

Detalle dunha das medallas. | // V.E.

“Para unha historiadora coma min é un pracer investigar sobre unha figura tan pouco coñecida, e teño que agradecer á familia o luxo de poder entrar na súa casa e revolver entre fotografías e obras. Mimina deixou a súa carreira porque tiña unha gran admiración por Isaac e xuntos construíron Sargadelos e O Castro”, conta María América Díaz, a outra comisaria da mostra.

“Mimina ía para artista. Con oito anos ía ás clases da súa tía Lolita Díaz Baliño, e gañara varios premios de pintura. As dúas se matricularon en Belas Artes en Madrid. Pero despois casou e abandonou o prestixio que podería ter tido, axudou a Isaac na formación dos talleres de decoración, creou un negocio importante de xoiería, no ano 72, ao que tres anos despois se lle une a súa nora María Ripoll, e que aínda hoxe supón o 25% da facturación. É unha figura moi descoñecida. Con esta mostra e a do centenario de Isaac no Gaiás, péchase un ciclo”, sinalou Camilo Díaz, que xunto a outro irmán, Xosé, e a neta Cecilia, asistiron ao acto, que presentou o alcalde sadense, Benito Portela, quen destacou que máis ca unha inauguración foi "un acto de xustiza".

Imaxe de Mimina nun dos paneis. |   // V.E.

Imaxe de Mimina nun dos paneis. | // V.E. Marta villar

“Eu empecei con Mimina no taller de Sargadelos no 78 e estiven con ela ata o 89 que nos trasladamos ata a fábrica de O Castro. Alí montamos o taller e traballabamos con xoieiros pequenos de Bergondo. Ela non se consideraba artista, porque para ela o grande artista era Isaac, pero era moi creativa. Estivo traballando ata os 79 anos, só decorando, porque ao final tiña mácula nos ollos e non vía. Ela ensinoume a facer todo. Foi unha grande mestra”, sinala María Ripoll. A exposición de Sada pode visitarse ata o 30 de xaneiro. O Gaiás tamén pecharía un ciclo se acollera esta mostra como acolleu a de Isaac polo seu centenario.

Deseñadora da exitosa serie Placas María

Mimina, a chave de Sargadelos Víctor Echave

Cando Carmen Arias tiña 16 anos un xornal definiuna coma unha “artista laboriosa e constante”. Foi axudante nas clases de Lolita Díaz Baliño no colexio Eusebio da Guarda. Aprobaron as dúas o exame de ingreso en Belas Artes en Madrid e tamén o do segundo ano, aínda que o pai, moi conservador, non lle deixou ir de forma continua. Coñeceu a Isaac Díaz Pardo e casaron en 1945. Naceron case seguidos os seus fillos e ela deixou totalmente a pintura. Cedeu os terreos da familia para levantar Cerámicas do Castro en Sada e foi a encargada do departamento de decoración de porcelanas. Doulle formación ás mulleres da contorna que traballaban na fábrica e quedoa a cargo dela cando Isaac se foi a Arxentina e despois vai con el para formar ás traballadoras nese país. Cando abriu Sargadelos Mimina de novo dirixiu a sección de decoración e a formación. En 1973 comezou a colección de xoias, Placas María, que foi todo un éxito de ventas. Mimina tamén foi a gran anfitrioa da Galicia do exilio bonaerense en retorno, entre eles Luis Seoane e a muller Maruxa.