Pódese dicir que Juan José Barro exerce como debuxante oficial da actualidade de Arteixo desde fai case unha década, cando decidiu empezar a elaborar viñetas cos sucesos destacados da vila e mostralas no seu blog, Arteixolandia Fíxoo baixo o seudónimo de Cheíño de Tó. Co paso do tempo, os seus debuxos comezaron a facerse coñecidos. Fai cinco anos optou por desvelar a súa identidade real e agora saca o seu primeiro libro, Cuspindo realidades, no que recolle os seus mellores debuxos realizados entre 2019 e 2021. Cal foi o motivo que o levou a sacar adiante este último traballo? “O conto foi que a xente quería un libro e saqueino adiante. É humor gráfico cos personaxes políticos de Arteixo”, relata.

Este libro, que pode mercarse en tres librarías (Marina, Vagalume e A lus do Candil), é autoeditado. O máis difícil para Juan José Barro non foi recopilar e seleccionar as viñetas, senón plasmalas nesta obra. Tivo que encargarse de todo, desde a maquetación, o deseño da portada, impresión e a comercialización. Asegura sentirse moi “orgulloso”, xa que non sabía como proceder e foi capaz de facelo e que fose unha realidade.

Este veciño de Arteixo explica que o libro, do que sacou unha tirada de 150 exemplares e que ten 174 páxinas, é “moi local” porque reflicte a vida do concello desde varios puntos de vista. Abundan as viñetas sobre a política, nas que aparecen o alcalde, os concelleiros da oposición e tamén problemas dos veciños. Tamén hai críticas que se publican en redes sociais e noticias que publican os medios de comunicación. “Transmito a opinión da xente”, indica Barro. No libro hai un total de 168 viñetas que intentan mostrar a vida do municipio, segundo afirma o seu autor.

O COVID tamén afectou a este libro, xa que Juan José Barro xa o tiña preparado para saír á venda en 2020, pero coa pandemia non puido facelo. Ante esta situación, tivo que pospoñelo, pero co problema de que pasaron os meses e deuse conta de que as viñetas quedarían moi desactualizadas. Conta que tivo que facelo “de novo” . Agora este traballo ten debuxos feitos entre 2019 e 2021, pero especialmente dos dous últimos anos. Como non podía ser doutro modo, incorpora moitas viñetas relacionadas coa pandemia, que centrou e segue centrando a vida de moita xente.

Un dos temas que máis trata Barro nas súas viñetas é a política local de Arteixo. Co tempo variou a forma en que debuxa ao alcalde, Carlos Calvelo. Ao principio era coma un retrato, pero despois foi perfeccionando o debuxo. Tamén intenta plasmar as noticias que le nos periódicos. Noutros casos recolle anécdotas das que se entera. Nos seus debuxos, ademais, poden verse elementos característicos de Arteixo: as fontes e os bancos do paseo fluvial.

A identidade virtual de Cheíño de Tó naceu en 2011 despois de que unha mestra dun curso de debuxo animase a Juan José Barro a facer máis viñetas e non a botalas na papeleira.

En 2016, o entón propietario da libraría Á lus do Candil, o poeta Modesto Fraga, foi o responsable de que saíse á luz a verdadeira identidade de Cheíño. Animouno a dar o paso adiante e o convenceu de realizar unha exposición con cerca de 70 debuxos.