O colexio Luís Seoane de Canide tivo varios contaxios de COVID que obrigaron a confinar varias aulas. A Asociación Veciñal de Maianca, parroquia á que vai o alumnado deste centro, tivo a idea de animar un pouco a estancia dos rapaces nas casas, por esta obriga sanitaria, e lanzou en redes sociais unha iniciativa que suma reciclaxe, conciencia ambiental e lecer.

“Os veciños collimos pólas das nosas fincas, de castiñeiros e oliveiras e así, e a carpintería Fran de Lorbé colaborou cortándoas en finas láminas ovaladas que nenos e nenas, de entre 6 e 12 anos, teñen que decorar usando a súa imaxinación, converténdoas en adornos de Nadal. Así tamén se evita usar plásticos e outros materiais, eles fan os adornos coas súas mans, reciclando materiais. Despois teñen que mandar unha foto para ver como quedaron. A data límite é o 6 de xaneiro, despois haberá un concurso con agasallos para os máis votados”, explicou Sara Rodríguez, secretaria da asociación.

Esta entidade e a dos veciños de Dexo organizan tamén para mañá xoves, véspera de Noiteboa, unha limpeza das calas de Canide, para que se poden apuntar voluntarios.