Veciños de Culleredo insisten en demandar a creación dun centro de Secundaria na zona rural do municipio. Membros da directiva da Asociación Cultural e Veciñal de Orro e da plataforma pola Secundaria no rural reuniranse mañá en Santiago de Compostela con representantes dos grupos tres parlamentarios autonómicos: PP, PSOE e BNG tras solicitalo a San Caetano o presidente da entidade veciñal, Xabier Villarrenaga.

“Hai nenos que teñen cerca de dúas horas de bus, entre os dous traxectos, de ida e volta, ao instituto. Collen o bus ás 7.20 ou 7.30 horas para empezar as clases ás 8.30 horas, mentres que no urbano teñen 10 minutos de traxecto. E cando os rapaces do urbano xa remataron de comer e poden poñerse a facer os deberes, os nosos aínda están chegando á casa”, asegura Villarrenaga. “E tiveron que modificar percorridos porque houbo momentos que era máis de unha hora por traxecto”, engade. “Se fora aleatorio, aceptaría, pero que sempre paguen os do rural paréceme un agravio comparativo”, sostén.

“A demanda é a de sempre: queremos un centro de ESO que imparta Secundaria na zona rural de Culleredo e que acabe co agravio comparativo no acceso á educación a respecto da zona urbana do concello. Hai moito tempo de bus e os institutos están saturados, en concreto o Blanco Amor”, di o representante veciñal. Opina que esta desigualdade afecta “á zona rural do concello en xeral”. “Se ves o mapa de Culleredo, é moi evidente porque están concentrados na zona urbana os institutos de Secundaria, e xa contabilizo a Laboral, e o 90% do territorio do concello é rural e non ten nada”, afirma.

Sobre a zona do municipio na que ven máis axeitado situar o instituto, Villarrenaga insiste: “Non somos técnicos. Danos igual onde se sitúe. O máis interesante serían aquelas zonas que faciliten o acceso por tema de transporte e que o centro quedase máis ou menos centrado no concello”. Apunta que o lugar onde ven “máis potencial” é Ledoño. “Ten moi boas comunicacións e a presencia de buses escolares non saturaría a comunicación, cousa que si pode pasar en Celas e xa pasa en Tarrío cos buses escolares de Primaria”, apunta. “Pero eu non son técnico, son os técnicos os que teñen que falar”, insiste.

O presidente veciñal de Orro asegura que persoal do Concello revelou que existe un informe municipal que recoñecía que era necesario un centro de Secundaria no rural do municipio, aínda que despois o Goberno local negouno. Nese estudo, apuntábase a converter o colexio de Primaria de Tarrío nun Centro Público Integrado (CPI), que podería impartir todos os niveis de educación obrigatoria: Infantil, Primaria e ESO.

Dúas ou tres liñas de ESO cos escolares de Tarrío

“Xa temos dúas mocións aprobadas en pleno, unha en 2019 e outra en 2021, reclamando o centro de Secundaria no rural. A propia inspectora de Educación da Xunta recoñeceu que a planificación educativa do concello de Culleredo está obsoleta e hai que solucionala antes de marzo, queríamos aproveitar a revisión de oficio que vai facer a Xunta para que formularan un centro no rural, sinala Villarrenaga, quen da por garantida a viabilidade da nova instalación educativa. “Xa só cos alumnos que pode aportar o centro de Primaria de Tarrío, xa manteríamos tranquilamente un centro de dúas ou tres liñas no rural”, argumenta l representante veciñal, que apunta tamén ao crecemento poboacional que experimenta o concello de Culleredo dende hai ano.