Prohibido non falar galego. Con esta premisa, o instituto cambrés David Buján asume un novo reto: empregar durante 21 días a lingua galega como idioma habitual en todos os seus usos e ámbitos, tanto dentro como fóra do centro. O David Buján é un dos doce centros adheridos este ano a esta iniciativa, o único da área coruñesa xunto co CPR Plurilingüe Esclavas Sagrado Corazón de Jesús, da Coruña. A actividade, impulsada pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a través do programa 21 días co galego e +, busca, precisamente, “promover o emprego deste idioma entre os mozos e mozas”, traslada o Concello de Cambre.

Estudantes do David Buján, onte, na xornada que da comezo ao programar ‘21 días co galego e +’. | // L. O.

O centro de educación cambrés acolleu na mañá de onte a xornada de inicio da proposta. No acto que marcou o comezo da iniciativa estiveron presentes o concelleiro de Deportes e Xuventude, Daniel Mallo; o edil de Educación e Sanidade, Miguel Ángel Gutiérrez; e o responsable municipal de Desenvolvemento Socioeconómico, Diego Alcantarilla.

21 días co galego e + busca levar esta lingua dentro e fóra das aulas. “Non cabe dúbida de que o alumnado é o protagonista, tanto porque a súa galeguización é o obxectivo principal como pola súa participación activa no programa, pero o profesorado, a ANPA, as familias e o Concello son determinantes para o éxito da actividade”, traslada o Goberno local. “A intención do programa é chegar, mediante a dinamización lingüística, a toda a sociedade”, asegura.

O programa ten a súa orixe nunha experiencia en 2013 no instituto da Pobra do Caramiñal, que recibiu en 2015 un premio de innovación en dinamización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística.