“O mundo rural é unha escola por si mesma, unha escola de aprendizaxe permanente” e os rapaces e rapazas que estudan nel teñen “a sorte de educarse” nese entorno que “é o que máis marca a vida dunha persoa”, como lle marcou a el vivir de neno nunha zona de montaña en Os Peares (Ourense). Así llo contou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, a un grupo de rapaces e rapazas de sexto de Primaria do Colexio Publico Integrado Virxe da Cela de Monfero que o entrevistaron no programa de radio que teñen no centro.

A visita de Núñez Feijóo a este colexio rural foi unha sorpresa para os escolares, que lle mandaron unha carta (o presidente veu con ela ao centro) alentados pola súa titora Cristina Lage, despois de varias sesións de traballo arredor da participación no programa Semana do Parlamento na Escola.

Nesta Radio Xesteira escolar o alumnado preguntoulle ao presidente do Goberno galego pola súa opinión sobre o rural e subliñou as oportunidades que futuro que ofrece, e tamén falaron do labor que se desenvolve no Parlamento.

Despois de rematar a entrevista Feijóo recorreu todos os espazos do centro educativo, dende as instalacións deportivas ata a cociña e o comedor escolar, e incluso estivo nunhas clases de pintura.

O xefe do Goberno galego contoulles aos escolares que coñecía o colexio Virxe da Cela de Monfero (que atende a alumnado tamén de Irixoa) polos numerosos galardóns que acumula, dende o Primeiro Premio Nacional de Educación para o Desenrolo Vicente Ferrer que gañou hai unha década ata o Premio Galego de Educación para o Desenvolvemento e a Cidadanía Global do ano pasado.

Na visita polas instalacións a directiva e o profesorado ensináronlle ao presidente a transformación de espazos que se está facendo no colexio ao apostar pola “arquitectura pedagóxica”, de xeito que alumnado de FP de carpintaría do instituto Rosalía Mera de A Coruña participa no deseño e na elaboración do mobiliario e os recursos adaptados ás necesidades da etapa de Educación Infantil. Ao remate destas visita especial, Feijóo compartiu tamén con alumnado da ESO as súas experiencias no Proxecto Erasmus+, unha iniciativa no que participa o centro.