Oleiros renova a súa aposta por reavivar a lingua galega e a difusión das bondades do municipio. O Servizo de Normalización Lingüística do Concello oleirense convocou a VIII edición do Premio Literario Descubrindo Oleiros, unha proposta que busca promover o uso da lingua galega e, ao tempo, dar a coñecer o municipio.

O premio do concurso está orientado a todos os rapaces de 3º, 4º, 5º e 6º curso de Educación Primaria, de ESO e de Bacharelato; para rapaces de 16 e 17 anos e para persoas adultas empadroadas ou escolarizadas no concello de Oleiros. O premio establece seis categorías.

Os relatos que se presenten ao certame deberán estar ambientados en Oleiros e escritos en lingua galega. Os espazos do municipio que se inclúan na proposta poden aparecer en fotografías, imaxes, debuxos ou simplemente figurar citados nos textos, aclara o Concello de Oleiros.

Os premios que se concederán serán vales para comprar en diferentes comercios locais do municipio. Estarán destinados a adquirir produtos que animen á lectura e fomenten a creatividade nos participantes.

O prazo de presentación para participar no premio rematará o próximo día 21 deste mes. As persoas que estean interesadas en a notarse poderán consultar as bases no enlace habilitado na web municipal ou poñerse en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Oleiros, en A Fábrica, na rúa do Inglés, en Perillo. Poden tamén contactar por teléfono no 981 61 00 00 ou por correo electrónico (lingua@oleiros.org).