Por que opta ao cargo de secretario xeral do PSOE de Arteixo?

Neste momento, no cal non teño outra responsabilidade orgánica, podo aportar o meu tempo e a miña experencia, non só a nivel local, senón tamén no ámbito do parlamento galego. Podo aportar moito para seguir traballando nun proxecto que foi de avance notable. Neste momento podo aportar cousas moi positivas para o proxecto.

Se sae elixido, terá unha liña continuista ou cambiaría algo?

Poría o meu selo persoal e tamén do grupo que me acompaña, porque isto é un proxecto colectivo. Pódense mellorar moitas cousas que se están facendo, pero sempre en aspecto positivo porque todo sempre é mellorable. Hai que ter moita máis presenza na rúa, na vida social, cultural, asociativa e empresarial de Arteixo. Esa é unha das grandes cuestións que eu formulo que desde o noso grupo queremos formular.

Como ve a agrupación na actualidade?

Vexo a unha agrupación que soubo revertir unha situación de conflito que recollimos despois dun mal resultado en 2011, perdendo o Goberno local, quedándonos como cuarta forza política do concello. Fixemos un traballo conxunto para intentar darlle normalidade a unha agrupación que carecía daquela de organización e capacidade económica, dun grupo de xente que puidese pilotar un proxecto que fose solvente. Eu estou disposto a volver a pilotar desde a agrupación local para seguir nesa senda compartindo espazos de poder e decisión con outros compañeiros.

Como ve ao seu rival, Simón López?

Simón é un extraordinario compañeiro, que eu mesmo no seu día cando el era un representante de estudantes no instituto fun convencelo para que militase na nosa agrupación. É unha persoa cun futuro brillante que pode aportar moitísimo neste proxecto para Arteixo. Está chamado a ter grandes responsabilidades a nivel orgánico.

Que lles diría as persoas que pensan que opta ao cargo de secretario xeral en Arteixo tras perder as primarias autonómicas Gonzalo Caballero, o candidato ao que apoiaba?

Pois que iso non ten nada que ver. O partido é un partido democrático. Cada un elixe á persoa que considera que pode exercer mellor a función de secretario xeral. Non só eu apoiaba a Gonzalo Caballero, Simón tamén apoiaba a Gonzalo Caballero nese proceso. Ninguén dixo que eu fora ostentar un cargo de responsabilidade a nivel orgánico. Isto non é un trampolín para outras cuestións, Martín Seco non vai ser candidato á Alcaldía nun ano e pico.

Non vai ser candidato?

Non. Eu teño un compromiso co Parlamento de Galicia e cos galegos e galegas, evidentemente coa cidadanía arteixá.