A Ducho González un veciño deulle unhas sementes “de aló da zona de Ordes”, plantounas e as coles de verzas medraron moito todas pero unha delas “tirou para arriba” sen xeito, e agora ten que coller unha escada para ir coller as verzas. Ducho é da parroquia de Maianca, boa terra para plantar, pero nunca lle pasara nada semellante. “Ten máis de tres metros, a ollo”, asegura este veciño que cultiva moitas verduras nos terreos da súa casa.

“As verzas téñoas para darllas ás galiñas. Antes tamén tiña coellos e tamén llas levaba”, asegura este veciño que non vai ser famoso despois de saír no xornal porque xa o é: todos en Maianca coñecen a Ducho e todos falan del con gran agarimo polo seu carácter alegre e afable.