Poucos eran, e son, os templos dotados dun órgano para acompañar as misas e os cantos litúrxicos. Pero as aldeas galegas e do noroeste peninsular tiñan o seu xeito de darlle un carácter especial ás cerimonias en datas sinaladas: guiadas por unha gaita. Tras estudar esta solución que abundaba en Galicia no século XIX, o gaiteiro, músico e investigador de Cecebre (Cambre) Pedro Lamas recompilou as músicas de diversas misas daquela época, enteiras ou fragmentos, para seleccionar e configurar un concerto completo do que sería unha “misa de gaita”. Presentará o resultado o 12 de abril no V Ciclo de Música Sacra de Betanzos.

“A relación da gaita coa Igrexa existiu, pero decaeu. No franquismo, decaeu a gaita a unha especie de folclorismo, animado pola Sección Femenina... Foi perdendo espazos que lle eran propios. Foi unha época escura para a gaita”, comenta Lamas. Para dar idea do papel que a gaita tivo e perdeu, asegura que, hai séculos, “as confrarías de mariñeiros ou xastres contrataban gaiteiros de por vida para que tocasen nas celebracións”. Engade que, tamén hai séculos, a Catedral de Santiago contrataba gaiteiros para días de celebración. “Supoño que non para as misas, pero si para as procesións, para fóra”, matiza.

“Prodúcese unha cousa que me parece moi atractiva: por un lado, era música culta relixiosa, eran misas cantadas en latín, e por outro, a xente de aldea era maioritariamente analfabeta e cantaba cantaba en latín pero o xeito de cantar non era o propio que se estudaría no seminario, senón co seu xeito de cantar, que hoxe coñecemos como música tradicional. É como unha hibridación do repertorio sacro coas formas de cantar populares”, observa Lamas. “Creo que era importante reconstruílo porque este vencello da música tradicional coa relixiosa non era moi coñecido para a nosa xeración. Aínda que era practicamente en todo o noroeste de España e norte de Portugal e en Asturias aínda se conserva”, destaca.

O músico incide en que a misa que configurou é o resultado da unión de músicas que xa existían. “Non é unha creación contemporánea, é a recreación histórica dun fenómeno musical pouco coñecido que existiu en Galicia con anterioridade ao século XIX”. Aclara que hai referencias escritas de que se facían antes do XIX, e é moi probable que se fixeran porque tiña continuidade de transmisión, unha tradición que se mantiña. Pero referencias escritas da música que se facía antes do XIX non temos”, afirma.

A escolla realizada por Lamas consistiu coller unha misa completa pero substituír algunhas partes, porque “procedían de diferentes fontes” e Lamas creu que “podían enriquecer”. “O credo está tomado, por exemplo, dun moi antigo, de orixe española. E estaba recollido como credo de monxa ou credo de Bernardo. É unha música característica da liturxia hispana, é interesante facelo porque musicalmente é especial”, conta o investigador. “Como ningunha misa completa recollía este credo, collín una misa completa e introducín cambios, tamén no Benedictus ou no Agnus Dei, para dar unha visión máis completa da música que se interpretaba nestas misas”, explica.

Ademais de recuperar as músicas litúrxicas con gaita e voces, Lamas tentará revivir tamén o xeito de interpretalas. El tocará a gaita con estilo “pechado”, distinto ao que predomina na actualidade, que “dá outro sabor á música tradicional”. E montou o Coro de Voces Rurais das Mariñas para a ocasión, con dez homes e dez mulleres que cantarán ao estilo tradicional.