Franco con “trinta e pico ou corenta anos”; soldados comendo sandía durante un bombardeo; os primeiros vehículos acoirazados —calquera vehículo, revestido con pranchas de aceiro—; a primeira muller fotoxonalista nunha guerra, Gerda Taro, e a súa parella e colega, Robert Capa; ou persoeiros que aínda non eran famosos, como Antoine de Saint-Exupéry, Ernest Hemingway ou Simone Weil, protagonizan algunhas das 140 fotografías que integran a exposición A Guerra Civil, que se amosa esta quincena no instituto cambrés Afonso X O Sabio. Coas imaxes búscase “chamar a atención” do alumnado, explica o catedrático de Xeografía e Historia, xefe de departamento e coordinador da mostra, Antonio Martínez.

“A intención é sempre que lles chame a atención aos rapaces. Máis que un percorrido histórico, buscamos ilustracións gráficas que podan ser moi chamativas ou que ao profesorado nos permitan explicar algo”, explica o docente. “Unha foto de Queipo de Llano non lles di nada, pero permítenos explicar moito sobre este xeneral que foi clave para a guerra, no traspaso de tropas de África á Península e fixo unhas campañas desde Sevilla fantásticas desde o punto de vista militar”, conta Martínez.

Muestra sobre carteles de los años de la Guerra Civil, en el Afonso X O Sabio. La Opinión

As fotos que máis sorprenden a atención dos rapaces son “sobre todo as de Franco de novo, as de armamento e as de vida cotiá durante a guerra”, afirma o profesor. “Non se poden imaxinar como os soldados poden estar tocando música con instrumentos ou escoitando ou estar comendo unha sandía no medio dun bombardeo. Ou calquera outra acción que eles en principio non relacionan cos feitos bélicos, como unha misa de campaña ou un soldado repousando cun fusil nunha trincheira, ou outros lavando a roupa”, detalla.

Contrasta a mirada dos alumnos coa do coordinador da exposición. “A min, sen embargo, chámanme máis a atención fotos de xente cara o exilio nos Pirineos, pola neve, ou como os recibían en campos campos de concentración ou en praias francesas. Aquelas ringleiras interminables cara o exilio, agora tan vistas noutros lugares...”, apunta Martínez. Pero na selección, aclara o coordinador, pénsase en impactar aos alumnos. “Non hai fotos moi macarras. Pero tampouco queremos facer unha exposición de fotos fermosas sobre a Guerra Civil”, explica.

Case todas imaxes incluídas levan “un pé de foto mínimo”, salvo algunhas excepcións. “Hai un par de cousas que non me resistín a explicar un pouquiño máis. Unha, a historia de Juan Pujol, un dobre espía para os nazis e para os aliados moi famoso, que foi clave na guerra, sobre todo no desembarco de Normandía, que estaba casado cunha galega. E tamén a historia dunha rapaza holandesa que tiña o alcume de A raíña da ametralladora, que despois marchou por Europa e a Sudamérica; e a de Marina de Ginestà, unha catalana de orixe francesa, na Plaza de Cataluña de Barcelona, unha das fotos bonitas”, conta.

En paralelo, amósase tamén no centro unha escolla de carteles da guerra. Recollen tanto anuncios de mitins de partidos como temas culturais, de alfabetización ou películas.